Danan cunha pintada a escultura de García Lorca na Alameda de Compostela

A figura do poeta e dramaturgo amenceu cun símbolo de cor branca sobre o peito.
A estatua de García Lorca apareceu cunha pintada este domingo (Foto: Europa Press).
photo_camera A estatua de García Lorca apareceu cunha pintada este domingo (Foto: Europa Press).

A estatua de Federico García Lorca situada na Alameda de Santiago de Compostela amenceu este domingo cunha pintada. Trátase dun acto vandálico sobre o cal a Policía Local xa está a realizar un informe, segundo asegura o Concello.

Tras coñecer o ataque, o Consistorio emitiu un comunicado no que "condena e rexeita" as pintadas realizadas neste monumento situado nas escaleiras do Paseo da Ferradura.

A estatua dedicada ao poeta e dramaturgo Federico García Lorca inaugurouse o 25 de outubro de 2020, coincidindo co día de Lorca na Galiza.

Esta obra, esculpida por Álvaro de la Vega, representa o autor co mono azul que utilizaba nas xiras coa compañía da Barraca, mirando cara a estatua de Rosalía de Castro, a quen admiraba.

Desde o concello de Santiago, consideran que este tipo de actos vandálicos "non teñen cabida nunha cidade como Compostela, caracterizada polo respecto á diversidade e á igualdade".

Na tarde deste mesmo domingo, unha restauradora achegouse até a Alameda para tentar limpar a estatua, que amenceu cun símbolo de cor branca sobre o peito.

Desde o BNG, tamén condenan "o atentado" contra a escultura Lorca, asasinado na ditadura franquista. "Amante de Compostela e da lingua galega, Lorca foi un símbolo da cultura en liberdade".
 

Comentarios