Os da Ría "candidátanse" este sábado á alcaldía de Pontevedra

Os da Ría pechan a xira do “Disco díscolo” cun concerto no Teatro Principal de Pontevedra este sábado día 26. Con “voces aveludadas nun punto delicioso”, non se resistiron a candidatarse á alcaldía, unha vez non prosperaron as súas propostas para presidentes de Agadic, da Real Academia Galega ou da Consellaría de Educación. 

Os da Ría
photo_camera Os da Ría

Á concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, custoulle conter o riso cando Os da Ria propuxéronlle na rolda de prensa de presentación do concerto que pechará a xira do “Disco Díscolo” que transmitira a súa candidatura ao goberno de Pontevedra. O dúo cómico-musical chegan a Pontevedra xa con moitas negativas, unha vez non prosperaron os seus ofrecementos para seren presidentes de Agadic, da Real Academia Galega ou da Consellaría de Educación. 

“Estivemos falando a primeira hora da mañá con Sesús e igual que nos ofrecimos para ser os presidentes de Agadic e non quixeron e tamén nos candidatamos a presidentes da Real Academia Galega e tampouco quixeron e decote propuxémonos ser Conselleiros de Educación”, sinalaron Os da Ría nun día de multitudinarias manifestacións ás que non puideron asistir por ter a presentación do concerto, o que levou a que solicitaran ao Xesús Vázquez que “cancelara esta trangallada, na amizade que nos xungue”, sinalaron, referíndose á Lei Wert. “Asumimos a responsabilidade, dimite”, recomendáronlle a Vázquez. 

Recoñécense artífices de levar a “canción livián galegueira aos puntos máis relevantes da súa historia” e din que se atopan nun “punto de perfección vocal con voces aveludadas” coas que chegan Arturito Puy e Fabián Santomé ao concerto de Pontevedra, co acompañamento de “Homes sen medo”. Un ano despois de que o “Disco díscolo” botara a andar, pechan a xira en Pontevedra anunciando o agasallo ao “pobo pontevedrés cos seus xites máis senlleiros: Infanta Helena; Fernando Ónega; Manuel María, é tío ou é tía?”. 

Definen o seu “Disco Díscolo” como “un traballo de culto do que aínda se fala no mundiño musical con ese ton estraño que non sabe el mesmo se é admiración ou perplexidade”.  Manifestan tamén Os da Ría o seu contento por “culminar” a xira na cidade do Lérez, “unha cidade pola que profesan unha paixón incontible desde que souberon que Pontevedra é boa vila e dálle de comer a quen pasa”. A Pontevedra volverán dentro de aproximadamente un mes, para anunciar novidades no Culturgal. 

Comentarios