Mostra no Museo do Pobo Galego

Da achega das sociedades corais á cultura galega

Algunhas aínda continúan activas. É o caso de Toxos e Froles, fundada en 1914; Cántigas da Terra, en 1916; Coral De Ruada, en 1918, e Cantigas e Agarimos, en 1921, as catros sociedades corais arredor das que xira a exposición Son de Galicia, promovida polo Consello da Cultura Galega e que a partir do 10 de outubro estará no Museo do Pobo Galego de Compostela.
Coro_Toxos_e_Froles_1934
photo_camera Toxos e Froles nunha imaxe de 1934. Foto: Galipedia.

Trinta paneis, publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, traxes, decorados ou retallos de prensa conforman unha mostra comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas e que estará aberta até o 3 de decembro. “A través destes materiais pódese reconstruír unha época especialmente vizosa para a nosa cultura”, explica a organización, que pretende “conmemorar o importante labor cultural desenvolvido por diferentes sociedades corais como achega ao desenvolvemento da cultura galega no século XX”.

Son de Galicia tamén incide nos “denominadores comúns a todas as sociedades corais da época”. Refírense ao traballo etnográfico de recollida e interpretación da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico, as xiras e viaxes “nas que se converteron en embaixadores da cultura galega”, o seu “fondo compromiso” coa lingua ou o seu papel nos inicios da actividade teatral galega.

Comentarios