D-Ou-Tras celebra dez anos de danza no campus universitario de Ourense

Imaxe do primeiro espectáculo da aula, no ano 2011 (UVigo)
photo_camera Imaxe do primeiro espectáculo da aula, no ano 2011 (UVigo)

A Aula de Danza do Campus de Ourense D-Ou-Tras celebra o seu décimo aniversario. A iniciativa universitaria mantén estes día a súa actividade de maneira virtual debido ás circunstancias especiais provocadas pola COVID-19. A aula naceu por iniciativa de Marta Alonso e Begoña Cuquejo, de Traspediante Danza, cando presentaron un proxecto de obradoiro de danza para o campus de Ourense. Experiencias semellantes funcionaban daquela na Universidade de Santiago de Compostela  e na da Coruña polo que a Universidade de Vigo (UVigo)  aceptou a proposta. A actividade tivo moi boa acollida cunha media de doce persoas matriculadas por cuadrimestre.

Consolidación

Cos anos o obradoiro consolidouse e incorporáronse á celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), promovida pola UVigo, onde en cada edición a aula organiza unha xornada dedicada especificamente á danza contemporánea.

D-Ou-Tras está cada cuadrimestre entre a lista de obradoiros de extensión universitaria que convoca a Vicerreitoría do Campus de Ourense e chegan a 15 as persoas de perfís moi diversos que se interesan polo mundo da danza contemporánea e a creación escénica fundamentalmente a través do corpo e o movemento.

Obradoiro semanal

O obradoiro desenvólvese habitualmente de maneira semanal nas instalacións do campus de Ourense onde as 30 horas do primeiro cuadrimestre están orientadas a formarse nunha base común de ferramentas e as 40 seguintes a crear unha peza escénica que se representa en diferentes contextos universitarios ou afeccionados. Polo obradoiro pasaron tamén múltiples docentes, como Paula Quintas, Maciek Sado, Cristina Vilariño, Nuria Sotelo e Fran Buceta.

Aulas virtuais

Na actualidade, debido á COVID-19, a aula ten trasladado a súa actividade das instalacións universitarias ao eido virtual, concretamente á plataforma Zoom, onde cada terza feira as persoas matriculadas nesta aula reciben clases de corpo e busca de movemento a cargo de Nuria Sotelo e as cuartas feiras de creación de performances a cargo de Begoña Cuquejo e Nuria Sotelo. A través desta plataforma celebraron o pasado 29 de abril o Día Internacional da Danza en colaboración coa Universidade Carlos III de Madrid, onde dez anos atrás D-Ou-Tras representou o seu primeiro espectáculo.

Comentarios