luns 24.02.2020

Cyrano de Bergerac máis alá do personaxe

Harguindey traduce un clásico barroco da prosa crítica co poder
O actor Pasquale Amato como Cyrano de Bergreac. Foto: Library of Congress.
O actor Pasquale Amato como Cyrano de Bergreac. Foto: Library of Congress.

Debaixo da máscara do personaxe popularizado polo cinema existe outro Cyrano de Bergerac (París, 1619-1655). É o intelectual crítico co poder, precursor do materialismo filosófico, autor dunha efervescente prosa barroca en que dogmas e o sentido común dominante no século XVIII entran en cuestión. O tradutor Henrique Harguindey (Lugo, 1946) vén de traelo ao galego coa súa versión dos Estados e Imperios da Lúa (Rinoceronte, 2019).

"É certo. O personaxe tapou o autor, mais agora un tira do outro", di Harguindey para Nós Diario. O Cyrano que se converteu en símbolo da libertinaxe naceu coa obra de teatro de Edmond Rostand, estreada en 1897 e base de diversas adaptacións á pantalla. Mais o Cyrano escritor, redescuberto no pasado século, entendía esa libertinaxe como oposición ao estado de cousas. "A súa obra é propia da época barroca. Usa o ton burlesco, o desfloramento. Non só ten importancia estilística ou literaria, ten importancia filosófica, como expresión do libertinismo", explica, "e, así, como precedente do pensamento do XVIII". É dicir, antecesor das Luces que avanzaron na superestrutura ideolóxica as convulsións de 1789.

Os Estados e Imperios da Lúa, primeira parte dun díptico completado cos Estados e Imperios do Sol, narra unha viaxe á lúa, en realidade o paraíso, onde viven xentes de estraños costumes. Ou non tan estraños. O caso é que a súa observación lle serve ao Cyrano para fixar nas páxinas, expón Harguindey, "concepcións ideolóxicas contrarias á orde estabelecida, aínda rebatidas no mesmo texto, pero quedan aí. Esa era a súa intención".

O escritor é materialista case ao mesmo tempo en que Spinoza elaboraba os fundamentos non idealistas do ateísmo. Considera a creación froito do azar e dubida da existencia de Deus. Talvez foi a causa deste trasfondo que as dúas obras sobre a Lúa e o Sol só se publicaron postumamente e expurgadas. Os manuscritos íntegros hoxe coñecidos atopáronse despois de que Rostand levase a súa vida ao teatro -a peza dramática pasouna ao galego Francisco Pillado.

"A súa literatura pasou bastante desapercibida durante moito tempo", indica Harguindey, "quedaron como obras dun excéntrico e predominou o aspecto estrafalario na memoria de Cyrano". Até que, a finais do XIX, regresou a aquela actualidade literaria, pero como prehistoria da ciencia ficción. "Óbviase o trazo crítico e materialista, que só agora está a ser restituído", sinala. A tradución galega dos Estados e Imperios da Lúa -"esencia do barroco, complexa con tanta reviravolta, escrita en ebulición"- será unha nova proba do outro Cyrano.

comentarios