CULTURA

'Curva España', a última produción de Chévere

Caderno de Verán

'Curva España', a última produción de Chévere

A compañía de teatro  Chévere continúa a súa liña teatro-documental xa presente nas pezas Citizen, Eurozone ou Eroski Paraíso. Curva España é, segundo eles mesmos recollen, “un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, a historia e a lenda, a pantalla e o escenario”.
CHÉVERE_21_Jose_Vicente
photo_camera Unha das escenas fotografada por José Vicente.

Estreada en xullo do ano pasado, Curva España parte unha vez máis do local, a real curva situada na estrada vella da Gudiña a Verín e que leva ese nome por José Fernández España, enxeñeiro finado nese lugar en accidente de tráfico, en 1927, mentres deseñaba o trazado da variante ferroviaria Póboa de Seabra-Ourense.

Baixo a dirección de Xron, soben ás táboas Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Leticia T. Blanco e Lucía Estévez para, desde as distintas versións contadas sobre o accidente do enxeñeiro, tratar un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca arredor numerosas sospeitas e interrogantes.

Segundo a propia definición de Chévere, “Curva España é unha adaptación á escena do formato deses documentais sobre crimes reais que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO”. Unha historia que lle dá á compañía unha escusa “para falar da España baleirada, das consecuencias da lei "mordaza", da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial”. Curva España pode definirse, pois, como “unha obra cinescénica, unha autoficción documental, unha peza de suspense, sen renunciar", engaden, "a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos”.

O pasado mes de marzo a compañía estaba en cartel con Curva España nos Teatros del Canal de Madrid. A declaración do estado de alarma, debido á crise sanitaria derivada da pandemia pola Covid-19, paralizou todo o proxecto, que botou a andar de novo neste mes de agosto. Desde entón xa subiron á escena na Mostra de Teatro Galego de  Cariño, en Soria e en Urones de Castroponce (Valladolid), onde participaron no Festival de Teatro Alternativo, Fetal.

CALENDARIO

— Vilagarcía: 05 de setembro / Auditorio municipal / 21.00 h
— Ferrol: 18 de setembro / Teatro Jofre / 20.30 h
— Sada: 20 desetembro / Casa da Cultura Pintor Llorens / 20.00 h
— Murcia: 26 de setembro / Teatro Villa de Molina de Segura / 20.30 h
— Cambados: 04 de outubro / Auditorio municipal da xuventude / 19.00 h
— Carballo: 10 de outubro / Pazo da Cultura / 20.30 h
— Asturias: 16 de outubro / Teatro Palacio Valdés de Avilés / 20.15 h

comentarios