O festival proxecta máis de 150 filmes

Curtocircuíto reivindica un cinema psicodélico e revolucionario

Imaxes estraboscópicas, atravesadas de espasmos de cor intensa, cunha montaxe trepidante, e a música de Pink Floyd antes de se converter en Pink Floyd. Ese é o material no que a profesora e crítica francesa Nicole Brenez (1961) identifica un cinema que "expande a vida" e habilita condicións para a "revolución". Así o expuxo esta segunda feira nunha sesión na sala Numax de Compostela enmarcada no festival Curtocircuíto en que reivindicou os filmes da psicodelia.
 

brenez
photo_camera Nicola Brenez en Numax. Foto: cedida

Brenez, especialista no cinema de avangarda e nas tormentosas relacións entre estética e política, chamou pola praxe de cineastas obliterados pola historia oficial. A Peter Whitehead (Liverpool, 1937) pertencían os planos que rexistraban unha salvaxe versión de Interstellar Overdrive de Pink Floyd. Era a curtametraxe de avance de Tonite Let's All Make Love In London (1967), a obra que recolleu en tempo real a memoria do Swingin' London.

O cinema, lembrou a investigadora, naceu como rexistro do movemento de atletas e militares. Mais a "maxia" da imaxe axiña o empurrou máis alá. Brenez valeuse dun tópico dos situacionistas para resumir a súa visión da arte cinematográfica e as súas utilidades: "Descolonizar a vida cotiá". O título da conferencia, salferida con fragmentos de filmes, evocaba o revolucionario francés Saint-Just, A Revolución só se deterá ante a perfección da felicidade.

Whitehead tamén gravou, no seu filme A Caída (1969) -así titulado en homenaxe a Albert Camus-, a ocupación da Universidade de Columbia, en Nova York. E videoclips de Jimi Hendrix ou Eric Burdon & the Animals. Canda el traballaba Anthony Stern (Cambridge, 1944), de quen Brenez seleccionou San Francisco: Film (1967), crónica experimental da súa primeira impresión da cidade estadounidense. A música, novemante o Interstellar Overdrive de Pink Floyd.

Perante un auditorio que practicamente enchía a sala -Numax coorganizaba o encontro-, Nicole Brenez salientou a importancia do concepto de utopía. "Do mesmo xeito que existen unha literatura e unha filosofía utopistas", explicaba no díptico de presentación, "existe un cinema utopista, comprometido con preservar os ritos, instantes ou hipóteses de alegría, con crear praceres modernos ou éxtases arrincados a todas mutilacións individuais e colectivas".

A profesora, que se confesou "moi godardiana", tamén esixiu atención para o traballo de Robert Fenz (Ann Arbor, Michigan, 1969), de quen proxectou unha peza a preto e branco sobre un solo de trompeta de Leo Wadada Smith -xigante do jazz actual-, ou para Pierre Clementi (París, 1942-1999). E pechou cunha invocación á posbilidade da revolta "individual e colectiva". Coma se o último cuarto do século XX non acontecese.

Un festival de máis de 150 filmes


O festival Curtocircuíto arrincou a súa décimo cuarta edición o pasado sábado, coa visita e encontro co público do cineasta galés Peter Greenaway, e prolóngase ate o domingo 8 de outubro. Máis de 150 filmes proxéctanse en catro seccións competitivas -Radar, Explora, Planeta Gz, Penínsulas- e paralelas -Retrospectiva, Pulsar, Criaturas, Teenage Riot e Noite malandra.

A maiores, hai sesións especiais dedicadas a Greenaway, ao fotógrafo español Alberto García-Alix ou ao actor Harry Dean Stanton. E unha serie de concertos cuxo prato forte serán os míticos alemáns faUSt -clásicos do denominado krautrock- esta sexta feira na Sala Capitol de Compostela. Jupiter Lion a cuarta feira e Horse Lords a quinta son outras das propostas musicais dun festival, o Curtocircuíto, que nesta edición centra os seus esforzos na relación entre imaxe e son.

Comentarios