Homenaxe a pioneiros do cinema galego

Curtocircuíto proxectará por primeira vez en décadas os filmes do Equipo Lupa

Son obras históricas, determinantes, e porén máis coñecidas polos títulos ca polas súas imaxes. Porque o cinema do Equipo Lupa, pioneiro en Galiza, apenas se viu en público dende o seu rexistro na década dos 70. O festival Curtocircuíto de Compostela proxectará cinco das súas pezas en homenaxe “ao primeiro grupo que, de xeito continuado, emprendeu un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galiza e en galego”.
derrubamento edificio castromil 2
photo_camera Fotograma de 'O edificio Castromil' (1975), a fita do Equipo Lupa que recolle o derrubamento do emblemático edificio compostelán. Imaxe: Festival Curtocircuíto.

O derrubamento do edificio Castromil, na praza compostelá de Galiza en 1975, é unha das gravacións máis valiosas dos Lupa. Canda ela, Curtocircuíto pasará as etnográficas A rapa das bestas (1972) -filmada en Candaoso (Viveiro)-, O Corpiño (1973) e Peliqueiros (1973), e tamén a súa única ficción, Holocausto (1972) e na que un mozo Roberto Vidal Bolaño aparece como actor.

“Interesábanos a temática etnográfica, eramos conscientes da urxencia de recoller certas manifestacións que non tardarían moito en evoluír cara a espectáculos para turistas ou cidadáns galegos transculturados”, explica o dramaturgo, académico e cabeza dos Lupa Euloxio R. Ruibal (Ordes, 1945) en declaración recollidas pola organización do festival.

Canda Ruibal emabarcáronse no proxecto Lupa o mencionado Vidal Bolaño, o despois xornalista Xosé Ramón Pousa, Félix Casado, Ana Antón, Clemente Crespo, Lucrecia Carril ou Miguel Pérez Romero. A súa experiencia, e a doutras agrupacións como Imaxe -liderada por Carlos L. Piñeiro- ou Enroba, explorou un territorio incógnito, levou ás cámaras ao exterior para testemuñar un tempo chave do país e, dalgún xeito, sentou precedentes para a historia contemporánea do cinema galego.

Para esta homenaxe a Ruibal e o Equipo Lupa, o festival Curtocircuíto, que decorrerá do 28 de setembro ao 6 de outubro, colabora co Cineclube de Compostela.

Comentarios