En Compostela do 28 de setembro ao 6 de outubro

Curtocircuíto: máis de 130 filmes á marxe da corrente principal

Un festival “gamberro pero rigoroso”. Así se autodefine Curtocircuíto, a mostra de cinema que, do 28 de setembro ao 6 de outubro, achega a Compostela máis de 130 filmes á marxe das correntes principais. “O noso programa comprométese coa calidade artística, as últimas tendencias cinematográficas e a interdisciplinariedade”, asegura a organización. Presentou o seu contido este 19 de setembro.
blixa bargeld
photo_camera O músico alemán Blixa Bargeld, que ofrecerá unha 'performance' vocal no Festival Curtocircuíto. Foto: Curtocircuíto.

Na sección oficial de Curtocircuíto competirán 38 filmes. Unha ducia farano dentro de Planeta GZ. E sete en Penínsulas. Haberá unha retrospectiva do cineasta, e teórico, austríaco Peter Tscherkassky, vangardista e crítico das novas tecnoloxías. O fotógrafo ensaísta catalán Joan Fontcuberta disporá dunha “carta branca” para programar ao seu gusto. E Kevin B. Lee combinará as súas propias tentativas cinematográficas coa obra do radical cineasta alemán Harun Farocki.

curto circuíto cartel“A heteroxeneidade e a novidade serán os aspectos predominantes dos máis de 130 filmes que compoñen a programación do festival”, sinala o certame, cuxo director é Pela del Álamo, nunha nota de prensa, “cunha serie de obras que reflexionan sobre o colonialismo ou o feminismo”. Os xurados formaranos o programador do Festival de Venecia Paolo Bertolin; as súa homólogas de Rotterdam, Mercedes Martínez, e de Berlín, Ana David; os cineastas Kevin B. Lee, Eve Heller, Laura Huertas Millán e Rocío Mesa, e os fotógrafos Nicolás Combarro e Lúa Ribeira.

Mais a ampla oferta de Curtocircuíto inclúe tres intres de singular relevo:

Homenaxe ao Equipo Lupa. Unha sesión programada polo Cineclube de Compostela lembrará o traballo dos pioneiros do cinema galego agrupados en Lupa, co dramaturgo Euloxio R. Ruibal á cabeza. Será unha das primeiras ocasións de ver as súas obras, documentais e etnográficas, pero tamén ficción, en público desde os anos 70.

O que arde. A aclamada terceira longametraxe de Oliver Laxe terá no Curtocircuíto unha das preestreas galegas. Asistirán o propio director e os dous actores protagonistas, Amador Arias e Benedicta Sánchez.

Blixa Bargeld. Hai xa varias edicións que o Festival Curtocircuíto conta cun intenso programa musical paralelo. Nesta ocasión a estrela do mesmo será un músico, pero que comparece como performer: o alemán Blixa Bargeld. Membro da mítica banda de rock industrial Einstürzende Neubauten e, durante unha longa tempada, guitarrista de Nick Cave & the Bad Seeds, ofrecerá en Compostela un experimento vocal. Será o 5 de outubro no Salón Teatro.

O Curtocircuíto é unha iniciativa do Concello de Compostela co apoio da Deputación da Coruña, a xunta e o Goberno español. Os seus escenarios e salas repártense entre o Teatro Principal, a Sala Numax, o Salón Teatro, o edificio Abanca en Cervantes, o CGAC, a Sala Capitol e a Biblioteca Ánxel Casal.

Nota: cartaz do Curtocircuíto 2019.

Comentarios