Mellor curta e mellor interpretación feminina

A curta galega Matria gaña a 47ª edición do Festival Alcine

A curtametraxe galega Matria, dirixida por Álvaro Gago, resultou a gañadora da 47ª edición do Festival Alcine, en Alcalá de Henares (Madrid). Gañou o premio á mellor fita e o premio á mellor interpretación feminina.

Dibujo
photo_camera Álvaro Gago e Francisca Iglesias Bouzón

O cinema galego continúa a recoller premios alá onde vai. Nesta ocasión foi a curtametraxe Matria, dirixida por Álvaro Gago, quen trouxo para Galiza un novo galardón. A fita resultou gañadora na 47ª edición do Festival Alcine, que tivo lugar esta fin de semana en Alcalá de Henares (Madrid).

Matria non só se fixo co premio á mellor curta, tamén foi premiada Francisca Iglesias Bouzón polo papel de Ramona. O pasado mes de outubro, o filme xa se fixera co galardón á mellor curta na Semana Internacional de Cine de Valladolid, Seminci.

O director vigués narra na curta a historia de Ramona, unha “heroína anónima” que traballa nunha conserveira. Unha vida que é igual a de tantas mulleres “cunha determinación tremenda”, mulleres que “cultivan moito os seus tesouros, que teñen a ver coa familia”, “mulleres loitadoras, mulleres que son perfecto exemplo do mito do matriarcado”, pon de manifesto Álvaro Gago, que creou a curta co fin de “darlles voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan”.

Após o pase por Cineuropa, Matria recalará no Festival Internacional de Cine de Verín e en San Sadurniño, dentro do programa “En negro contra as violencias”. Tamén estará presente no festival de curtas de Zubroffka (Polonia) e nos certames de Cartagena e Aguilar del Campo (España).

Comentarios