Cursos de verán da UNED abertos á toda a cidadanía en Pontevedra

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), xunto co Concello e coa Deputación de Pontevedra, bota a andar media ducia de cursos de verán en Pontevedra, Vigo, Portas e no Centro Penitenciario da Lama.
Cursos-veran-UNED-1
photo_camera No centro da imaxe, Miguel Anxo Fernández Lores, Carmela Silva e Víctor Manuel González. (Foto: Nós Diario)

A comunicación, a igualdade, os dereitos humanos ou a filosofía son algúns dos temas arredor dos que versarán os cursos de verán que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) vai desenvolver en Pontevedra, Portas, Vigo e no Centro Penitenciario da Lama e que presentaban esta segunda feira o director da UNED, Víctor Manuel González; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. 

Os seis cursos están dirixidos ao conxunto da cidadanía e desenvólvense nun formato mixto, presencial e en liña, polo que non teñen límite de participantes, agás o que decorrerá no cárcere da Lama, "Constitución e dereitos", que terá lugar do 30 de xuño ao 2 de xullo. Todos os cursos teñen, ademais, unha duración de 20 horas

Impartirase en Vigo, do 5 ao 7 de xullo, "O silencio social, gran cómplice do machismo"; en Pontevedra decorrerán tres, "Os valores da comunicación na sociedade hiperconectada", "O Camiño de Santiago e o Islam" e "Filosofía en tempos de incerteza, entre o 7 e 0 9 de xullo; e no concello de Portas, entre o  14 ao 16 de xullo, levarase a cabo  "As crises políticas na España contemporánea".

Carmela Silva puxo en valor "tanto á UNED como elemento relevante, como a estes cursos cos que facemos cultura e trasladamos coñecemento porque queremos que Pontevedra sexa o territorio da educación".

A presidenta puxo en valor o nivel das persoas que van ofrecer os relatorios, entre ás que destacou ás xornalistas Nieves Concostrina e Vicente Vallés, á artista Gemma Marqués ou ás catedráticas en filosofía Antonio García-Santesmases e Amelia Valcárcel.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores referiuse a que o formato dos cursos contribúe a estimular a economía, "algo moi importante nestes momentos de falta de turismo e de crise económica". Para Lores os cursos formulan temas fundamentais sobre os que é preciso discutir "para logo tomar decisións".

Víctor Manuel González destacou a importancia de que o alumnado poida volver a acudir a estes cursos de modo presencial. O director da UNED agradeceu "a confianza e a axilidade das institucións", Deputación e Concello de Pontevedra, pola súa colaboración e ser "sempre xenerosas" coa universidade. 

Comentarios