Un cupón da Once que lembra a Pondal no seu 100 cabodano

Xa chega o cabodano de Pondal e a primeira homenaxe máis visible estará impresa nun cupón da ONCE o 9 de marzo, cando se cumpren 100 anos (e un día) do seu pasamento. 

cupon_Pondal
photo_camera Presentación do cupón esta mañá na Academia Galega

Eduardo Pondal protagonizará o cupón da ONCE do vindeiro xoves 9 de marzo. Cinco millóns e medio de cupóns lembrarán a figura do autor do poema os "Os pinos", que dá a súa letra ao himno galego. A Real Academia Galega acolleu este mércores a presentación desta iniciativa, que conmemora o centenario do falecemento dun dos pais do Rexurdimento das Letras galegas, acontecido na Coruña o 8 de marzo de 1917.
 
Unha fotografía do poeta nos seus anos de mocidade conservada no Arquivo da RAG ilustra o cupón. “É o Eduardo Pondal novo e romántico do Banquete de Conxo, que é o que a min máis me gusta”, destacou Xesús Alonso Montero na véspera do aniversario do xantar de irmandade que xuntou en 1856 estudantes universitarios e obreiros. O presidente da Academia felicitouse ademais de que o autor “dos versos máis recitados da literatura galega”, en referencia á letra do himno, poida así ser coñecido por primeira vez por persoas de todo o territorio estatal.

Comentarios