Unha escolma do papel: Lugo é letras

Cunqueiro, mindoniense irrefutable

cunqueiro

O entrevistador baixa dende Valiña de Freire ao val de Mondoñedo pola vella estrada de Cesuras. Cruza o meridiano dunha tarde de Santos e, namentres conduce, lembra uns versos norieganos de don Álvaro Cunqueiro pouco coñecidos: “Mais arriba de Cesuras/ fun buscar unha rapaza/ porque Valiña de Freire/ crías de moi boa raza”. O pai do entrevistador, que é daquel lugarexo, ficaría ben contente sabendo que este príncipe das letras ten tan boa opinión das súas mozas. Á altura de Zoñán, un corzo crúzase na estrada e, inevitablemente, voltan de novo as verbas do escritor á memoria: “Correu a nova de que foron vistos corzos en Zoñán —non cervos, senón corzos— ledos galopantes daquelas brañas, ricas en sombra e auga pura. O corzo pasa por animal melancólico e moi amoroso. Se falase, en calquera momento podería responder a quen o interrogue coas palabras de Ovidio: Nunc frequentor melancholia”.

En chegando a Mondoñedo, onde quedamos, diviso a don Álvaro pé da catedral, sentado á esquerda do vello consistorio, contemplando o cantón que pecha a praza.

Todas as cidades pequenas das que falo son un pouco a miña cidade, por moi diferentes que sexan

Tarde agradecida, non lle parece, Don Álvaro? O escritor sorrí, esténdeme a man e responde como traendo as palabras dun vello soño.

Neste mesmo recanto, fíxate ti, foi onde decapitaron o Mariscal Pardo de Cela. A súa cabeza caeu aí mesmo onde estás ti e foi rodando praza abaixo, perdéndose por aquela rúa mentres repetía “Credo, credo, credo”. Tan certo coma que estamos aquí, Requeixo. Pardo de Cela era un militar de Mondoñedo, claro, foi acusado de deslealdade e rebelión polos Reis Católicos. E, por tal motivo, foi axustizado aquí mentres facía profesión de fe... Aquí, ás veces, paso moito tempo vendo como anoitece sobre o Bosque de Silva e contemplo como van estar as abedoeiras coas súas primeiras follas, facendo iso que Noriega Varela chamaba “unha ondeante manteliña verde” e sei, polas San Lucas, cando é a primeira vez que vai haber follas marelas e as vai traer o vento polas rúas da cidade. En Mondoñedo non hai primavera, pero fica compensada cun outono marabilloso, coas campaí- ñas que florecen —único sitio no mundo— no inverno e, sobre todo, polas camelias e as laranxeiras. Olla, olla esa laranxeira... Sería marabilloso poder escribir así.

Pois é. Non cabe dúbida de que para vostede Mondoñedo representa algo ben especial, don Álvaro.

Si, é que a miña familia, que se saiba, por parte de miña nai leva 700 anos vivindo en Mondoñedo. Exactamente desde o ano 1232. Todo o peso destas xeracións, sen dúbida, lévoo eu. Non se pode vivir impunemente nun val cun certo grao de humidade, cun certo grao de verdor, con ruídos de augas e de paxaros sen que isto pese na alma dos que forman parte desta tribo.
 

Tal parece que para vostede este fose o Alfa e Omega. Seguro que, de reencarnarse, regresaría como diocesano das terras de Maeloc. En figura de quen lle agradaría voltar?

En algo de Cunqueiro. Na miña infancia, aquí, en Mondoñedo. Nun Cunqueiro pícaro, que non pasase endexamais dos vinte anos. Nun cura?... Non. Se acaso, nun abade mitrado con moitas viñas e merlos peteirando nas uvas nun val gregoriano polo solpor.

Non me estraña que haxa quen diga de vostede que nada ten sentido na súa escrita sen Mondoñedo ao fondo. Que hai disto?

Dunha maneira ou doutra en todos os meus libros está un pouco Mondoñedo. Todas as cidades pequenas das que falo son un pouco a miña cidade, por moi diferentes que sexan. Tanto me dá que sexa unha cidade grega a onde chega Ulises ou unha cidade de Bretaña a onde chega o sochantre coas ánimas, todas as cidades son un pouco a miña cidade. Para min a pegada da infancia neste val marcou o meu carácter; é dicir, eu son de aquí dun xeito irrefutable.

É complicado concibir o que vostede leva escrito se non se coñece moi en detalle esta paisaxe, esta paisanaxe. As vivencias e as convivencias houberon de ser moi fortes para influílo tanto, non si?

Dende neno. Na miña casa había un desfile de xente a pedir: “Ai , dona Pepita, se me dá un pouco de fermento que ía amasar e non teño”. “Ai, dona Pepita, se me dá uns ovos”. Eu entraba en todas as casas como se foran a miña. Grazas a isto coñecín Mondoñedcunqueiro1o como poucos puideron coñecer a súa cidade natal. Logo, fun á Escola de Obreiros Católicos, porque meu pai era presidente desta sociedade. Todos os que foron á escola canda min eran xentes dos máis variados oficios, fillos de artesáns e artesáns moitos deles. Isto permitiume coñecer, na miña infancia, os talleres de carpintería, os oleiros que traballaban o barro... en fin, coñecer todos os oficios e todas as xentes.

A iso vou, don Álvaro. A min paréceme que o seu mindonesismo é unha sorte de trabe mestra que sustenta boa parte da súa literatura, polo menos algunhas das obras máis celebradas. Estou pensando no Merlín, no Sinbad, nas Crónicas ou na triloxía de semblanzas que se inicia coa Escola de menciñeiros. Ando errado?

Co Merlín veu sucederme que, despois de publicado o libro, moita xente contábame a min esas historias, que eu inventara, como se fosen vellas lendas da nosa terra. Teño para min que isto é verdadeiramente importante: que o pobo faga súas unhas invencións propias. Isto paréceme o máximo ao que pode aspirar un escritor, un creador, un inventor.

Era esa, logo, a intención última para escribir Merlín e familia?

A ver. Eu creo nos mitos. Ese libro é unha expresión desta crenza, ao mesmo tempo que do meu sentido optimista do Universo. Ten o humor propio das miñas ilusións e responde á convicción, chamémoslle filosófica, de que o prodixio, o arbitrario, o incongruente, son ingredientes necesarios do Cosmos. Téñolle moito cariño ao Merlín.

E o Sinbad?

No Sinbad eu quero contar o Golfo Pérsico e o río Iadid e, entón, boto man do río que me é máis próximo, que é o Masma de Mondoñedo, é o que me é máis cómodo. Nese escenario sitúo a historia, que é a desesperanza e a desilusión do Sinbad, o das Mil e unha Noites, cando, vello e canso das aventuras, regresa ás illas e se atopa que el coñece e quere a todos, pero a el ninguén o coñece e algúns non o queren.

Non me diga que tamén na súa As crónicas do sochantre se serviu da mesma estratexia. A Bretaña que alí describe sería vivenciada, ou?

Non, non, non. Eu nunca estivera. E deume sorpresas tremendas. Por exemplo, eu conto o vao do río Aulne e pensaba nun vao que hai no Masma con trinta e tres pasos de pedra etc., unhas abedoeiras, uns chopos, uns amieiros etc. e, cando cheguei ao Aulne, que me fixen unha fotografía alí, atopeime que era exactamente igual a como eu o tiña descrito.

Serendipias curiosas. Seguro que esta ficcionalización das lembranzas e aconteceres mindonienses ha de andar por outros libros seus.

Por exemplo, algúns dos personaxes de Escola de menciñeiros coñecinos na farmacia de meu pai. Home, ás veces de tres fixen un ou dun tirei dous, pero a moitos coñecinos alí.

Teño para min que isto é verdadeiramente importante: que o pobo faga súas unhas invencións propias

O tempo esgótase. O anoitecida debrú- zase sobre a Paula e a entrevista ten de rematar. Despídome de don Álvaro, quen me saúda amablemente e me lembra que lle debo ao noso Mondoñedo e os seus escritores páxinas de estudo. Prometo non defraudalo. O escritor, ás portas dos setenta anos, ergue a man dicindo adeus ao entrevistador, que marcha camiño da Ponte do Pasatempo, deixando o señor das palabras no medio e medio do dourado val á medida do ollo humano, sempre verde, perdido entre montañas visitadas polo vento que vén da Mariña e que, ao chegar, non ousa depenicar nas camelias nin arrincar o limón dos limoeiros. Don Álvaro fita enviso e soña cos longos paseos pola docísima ribeira, estrada do Carmen arriba, riquísimo aer, e as cami- ñadas polas aceas de Xacinto e a ría da Cega e o outono deporondándose na Alameda dos Remedios, unha gloria.

Esta conversa é contrafactual. Mais, se o encontro é ficción, as respostas de Cunqueiro son auténticas e foron tomadas de diferentes entrevistas por el concedidas.

Esta entrevista apareceu no Sermos Galiza nº 172, publicado a 19 de novembro de 2015.

Comentarios