'Cuñados', a longametraxe con denominación de orixe galega

Esta sexta feira, 9 de abril, estréase nos cinemas unha das grandes comedias galegas, 'Cuñados'.  En conversa con Nós Diario, o director, Toño López, e dous integrantes do elenco principal, María Vázquez e Federico Pérez Rey, debullan anécdotas dun filme que en que a comarca e a denominación de orixe do Ribeiro son tamén protagonistas. Estamos ante unha das primeiras producións en realizarse após o confinamento. 
 
5_Federico Perez Rey_Miguel de Lira_Xose A Touriñan
photo_camera Federico Perez Rey (Modesto), Miguel de Lira (Edurardo) e Xose A. Touriñan (Sabonis) no filme 'Cuñados'. (Foto: Javier Olmedo)

Unha comedia de criminais onde "os protagonistas non o son nin queren selo". Así define a súa primeira longametraxe Toño López, director de Cuñados, que se estrea nos cinemas esta sexta feira, 9 de abril. O filme conta as peripecias de Eduardo (Miguel De Lira) e Sabonis (Xosé A. Touriñán), que secuestran a Modesto (Federico Pérez Rey) para tentar arranxar os seus problemas de negocios. Ante a negativa de Alicia Zamora (Paku Graña), cuñada do retido, de pagar o seu rescate, Modesto urde un plan cos seus secuestradores para poder salvar a adega familiar. 

Baixo o abeiro da produtora Portocabo e con guión de Araceli Gonda, Toño López considera que é “un regalo que me convidaran a dirixir este proxecto”, sinala en conversa telefónica con Nós Diario. O punto de partida do guión encaixaba moito “co que a min me gusta” e “o que me chamou a atención era que estes protagonistas, malia seren moi torpes para facer dano, eran xente moi boa”. Seguindo a marca da casa da produtora, López explica que “queriamos que houbese un fondo realista nas personaxes, que o público puidese asociar alguén do seu día a día con elas”.

Durante a rodaxe, “como traballamos cun elenco tremendamente bo e con moita experiencia na comedia e na improvisación, as actrices e actores achegaban moitas ideas. En moitos casos a miña función era guialas cara ao enfoque xeral da película. Tendo en conta todas as cousas que se lles ocorrían, seleccionaba as ocorrencias que encaixaban co ton da historia que queriamos contar e rexeitaba aquelas que, malia seren divertidas, non coincidían, para que non fose unha pasta de diferentes comedias nunha, senón a comedia familiar criminal que é”, conta López

Alén da dos tres protagonistas masculinos, existe unha trama secundaria de tres irmás que queren recuperar a adega do seu pai. María Vázquez, que interpreta 'Peque' no filme, explica a este xornal que "o bonito desta comedia é que as actrices non só somos a 'nai de' ou 'a irmá de', senón que os nosos conflitos teñen a súa propia identidade e temos un carácter definido". Desde o seu punto de vista, "isto fará que moitas mulleres se poidan sentir identificadas con temas como a maternidade e a conciliación". Ademais, tamén destaca o papel e a trama de Mela Casal, quen interpreta a avoa Aurelia. "Se xa resulta complicado ser muller a partir de certa idade, desde a madurez parece que non contan contigo xa para nada", apunta a actriz. 

Grazas á interpretación desta personaxe, Vázquez volveu conectar "coas miñas raíces, xa que a miña familia ten unha bodega en Belesar (Chantada) e traballar sobre este argumento da adega fixo que agora eu tamén queira recuperar este aspecto da miña vida. De feito, xa estivemos falando na familia para producir viño este ano", comenta a actriz.


Unha das primeiras rodaxes na desescalada

A filmación de Cuñados realizouse no verán de 2020, "fomos unha das primeiras producións no Estado español despois da parálise total, e aínda se estaban a implantar os primeiros protocolos", apunta o director. Malia estar planificada con catro semanas de rodaxe, a produtora tivo que rematar dous días antes "porque nese momento estábase a producir un aumento de contaxios nas comarcas onde tiñamos as nosas localizacións e andabamos con medo a que as autoridades nos cancelasen a produción e a non saber se a poderiamos continuar". 

Este medo e incerteza tamén o tiveron moi presente no elenco. En declaracións ao xornal, o actor Federico Pérez sinala que "cada día que comezabas a rodar pensabas se ao día seguinte se podería continuar". Ademais, contaron con algún "susto", pois "algunha compañeira tivo algún falso positivo ou existían sospeitas dalgún caso que, por sorte, non foi a máis, pero a tensión estaba aí", indica o actor.  

O cumprimento de protocolos, como medición de temperatura a diario ou probas cada semana, tamén derivou en algo bo. "Ao illarnos para a rodaxe fixo que se crease un contorno máis familiar e de comunidade entre as profesionais", apunta Toño López.  
Tal era o ambiente familiar que para a escolla das actrices que interpretan as fillas de Peque e Sabonis, Antía e Moraima, elixiron familiares do propio elenco, unha das fillas de Touriñán e a sobriña de De Lira. Isto tamén levou a que se adaptase o guión para unha delas. A máis pequena das personaxes, Moiraima, "estaba pensada para que fose unha bebé, mais como a propia crianza estaba a comezar a falar engadimos iso á historia, cun resultado moi divertido e especial", comenta o director. 

Nunha das escenas, que se pode ver no tráiler do filme, "a crianza espeta un 'Alabado!', unha broma da familia da nena que aprendeu da súa avoa e que, unha vez nolo contaron, pareceunos moi cómico engadilo na película", explica López.

Filme con denominación de orixe galega

A película está gravada nas comarcas do Ribeiro, Ourense e Allariz, e conta cunha perspectiva totalmente galega, "mais está pensada para que calquera persoa, incluso en Saraxevo, poida rir con esta comedia", indica o director. Ás referencias galegas clásicas da comida, como o polbo ou a empanada, suman as máis locais, como o Club Ourensán de Baloncesto, o traballo coa madeira, a tradición vinícola da comarca do Ribeiro e mesmo a banda sonora a cargo do histórico grupo Lamatumbá. 

Por todo isto a presentación da longametraxe realizouse o pasado día 5 de abril na cidade de Ourense. "Foi moi bonita e moi emotiva", indica Pérez Rey. "O público alí presente recibiuna moi ben e con moitos aplausos, supoño que por unha parte é un filme terapéutico, dos que, nestes tempos que corren, fan falla para desconectar e rir un pouco", apunta o actor. 

A crítica tamén concorda coa opinión do público, e por iso, "de 20 copias que pensamos lanzar para as salas, chegamos a 120 para todo o Estado español", indica o director. "Nos tempos que corren e na situación na que estamos, resulta moi bonito que saian tantas", opina Pérez Rey. 

 Alén disto, "sabemos que nalgunhas salas de Madrid, Barcelona e Euskadi se van proxectar en versión orixinal, como nas estreas, que é algo tamén moi ilusionante", apunta Vázquez. 

Segundo o actor, "o mellor deste filme, a esencia, é que é unha comedia moi nosa. Galiza reflíctese en Cuñados sen tópicos nin estereotipos galegos, mais mostrando o que somos", conclúe.

Comentarios