Culturminho, o foro da cultura transfronteiriza decorre en maio

Cada sexta feira do mes de maio e até o 18 de xuño decorre o II Foro Culturminho, de cultura transfronteiriza, que se desenvolverá alternativamente nos concellos de Paredes de Coura e O Rosal.
CULTURMINHO2
photo_camera Imaxe da presentación da II edición de Culturminho. (Foto: Nós Diario)

Na xornada de mañá bota a andar o II Foro da Cultura do Río Miño Transfronteirizo “Culturminho”, un evento que busca a creación de iniciativas culturais conxuntas no territorio miño e que está organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho e o Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER).

Cada sexta feira até o 18 de xuño, e entre os concellos de Paredes de Coura e O Rosal, axentes culturais privados e creadores galegos e portugueses traballarán na busca de cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver para mobilizar un público conxunto.

Este II Foro Culturminho desenvolverá grupos de traballo presenciais e en liña para reflexionar sobre as sinerxías existentes nas dúas beiras do Miño, co obxectivo de xerar creatividade e mobilizar a economía da Eurorrexión.

As xornadas de traballo que comezan agora e rematan o 14 de maio levan por título “Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo”, guiadas pola especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.

O 21 de maio traballarase sobre “Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión” e “Orzamento, financiamento e comunicación”; e o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e das “Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos”, a cargo dos xestores culturais Lucía García e Nacho de la Vega. 

O 18 de xuño, xornada de clausura do II Foro Culturminho, presentaranse os proxectos deseñados no Centro Social Polivalente d’O Rosal e decidiranse as posibilidades de cada un deles para optar a fondos europeos.

Neste sentido, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posíbeis, subliñando que desde o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation’.

A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo feche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propor proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade”, insistiu Benítez.

Comentarios