Culturgal ofrece palabras para presumir da nosa cultura 

A cinco meses de que se desenvolva a oitava edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, a metade do espazo xa está reservado. O escaparate a cultura centra esta nova edición nas palabras cun lema gabancioso: “Presume de Culturgal”. 

culturgalfoto
photo_camera culturgalfoto

A cinco meses de que se inicie a oitava edición da Feira das Industrias Culturais que se desenvolve cada ano a comezos de decembro en Pontevedra, a organización decidiu optar por un lema que dá boa conta do espírito que preside o evento. “Presume de Culturgal” será a frase máis repetida os días 4,5 e 6 de decembro cando, de novo, os distintos sectores culturais se dean cita no Pazo da Cultura de Pontevedra que, a tal altura, xa ten reservado a metade do espazo dispoñíbel. O prazo de reserva de stands remata aínda o 31 de outubro, de non se esgotar antes, e o de presentación de propostas para a programación o 30 de setembro. As palabras serán o motivo central do grande escaparate das industrias culturais que o pasado ano rexistrou máis de 15.000 persoas de público. 

Aumenta o capital privado na feira 

“Hai público familiar, hai público interesado en propostas concretas da programación, hai público profesional, etc. Hai tempo que sabemos que non nos diriximos a unha audiencia acoutada”, sinalou na presentación o presidente de Culturgal, Manuel Bragado quen valorou tamén a positiva resposta do público na pasada edición á introdución da entrada de pago que se mantén neste ano cos prezos populares de 2 euros entrada persoas adultas e 1 euros para menores de 12 anos, 3 e 2 se se colle bono para os tres días. Destacou tamén o medre da aportación financieira privada para a realización da Feira que xa supera o 35%.

Na busca de novos públicos

O director da Feira, Xosé Manuel Aldea, foi o encargado de explicar algunhas as novidades desta nova edición como son a posibilidade de escoller o espazo para o stand ou a non existencia de tenda oficial Culturgal nunha feira que destaca no seu aspecto comercial.  Queremos que a Feira sexa un espazo de palabra e comunicación e tamén queremos solventar os problemas de interferencias sonoras entre espazos”, sinalou aldea dunha edición na que se ampliará o Espazo Bebés, destinado a público de 0 a 3 anos despois da grande resposta do pasado ano. Aldea destacou, neste sentido, a vontade da Feira de contribuír a crear novos públicos para a cultura. 

Por segundo ano consecutivo, a programación incluirá unha exposición artística que, desta volta abordará a relación entre arte e arquitectura e estará, como o pasado ano, comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral. 

No acto de presentación, que se desenvolveu no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) de Pontevedra, participaron Manuel Bragado e o director da Feira, Xosé Manuel Aldea, ademais de Jacobo Sutil, director de Agadic, Ana Isabel Vázquez, deputada provincial, e Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica e Turismo na cidade do Lérez.
 

Comentarios