Culturgal leva o recoñecemento estatal do Ministerio de Cultura

A iniciativa que se realiza cada ano en Pontevedra recibirá esta quinta feira o recoñecemento da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación.
Culturgal nunha imaxe de arquivo (Culturgal).
photo_camera Culturgal nunha imaxe de arquivo (Culturgal).

A Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación, dependente do Ministerio de Cultura, recoñece esta quinta feira os tres proxectos seleccionados como os gañadores o pasado ano na liña de axuda á Acción e Promoción Cultural.

Entre eles, atópase Culturgal, a Feira que desenvolve a súa décimo cuarta edición do 26 ao 28 de novembro de 2021 no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Xunto ao proxecto galego recibirán o galardón a Federación Española de Asociacións de Produtoras de Animación e as Xornadas Internacionais de Patrimonio Industrial, celebradas en Xixón. 

Feira e escaparate profesional

Desde o Ministerio de Cultura salientan que o Culturgal "non é unha feira ao uso”.

Indican que nela “a actividade profesional compleméntase cunha extensa programación cultural e o recinto de postos de venda e exposición convértese nun escaparate privilexiado no que a sociedade galega pode coñecer directamente as últimas novidades editoriais, musicais, escénicas, audiovisuais, deseño e arte contemporánea".

Alén diso, o galardón recoñece o traballo realizado en 2020 para adaptar a programación de Culturgal á situación de crise sanitaria. "

"A cultura que toca"

Culturgal contará en 2021 co lema "A cultura que toca" e está organizada pola asociación do mesmo nome da que forman parte Escena Galega, a Asociación galega de Produtoras Independentes (Agapi), Asociación Galega de Editoras, Asociación de Empresas Musicais (AGEM) e Empresas dedicadas a internet e as novas tecnoloxías (Eganet).

A organización ven de anunciar o feche da venda de espazo feiral tras esgotarse os stands dispoñíbeis e comezará a difundir a programación 2021 a partir desta mesma semana.

Comentarios