Culturgal despídese até 2022 tras recibir 9.000 visitas na fin de semana

A vindeira cita, de 25 a 27 de novembro de 2022

culturhal publico
photo_camera Público no Culturgal 2021 (Foto: Culturgal)

Por volta de 9.000 visitas recibiu a feira das industrias culturais que esta fin de semana decorreu en Pontevedra. O Culturgal mostrou nunha edición marcada pola pandemia da Civid-19 e cunha xornada menos que as anteriores, que mantén músculo e capacidade de atracción.

A organización da Feira das Industrias Culturais Galegas salientou, a través do director, José Aldea, que "a afluencia de público superou as nosas expectativas xa que hai só unhas semanas as ocupacións que manexabamos eran moito máis reducidas”.

Culturgal incide en que “ecibimos unha resposta moi positiva dos participantes que nos manifestaron a importancia de reencontrarnos, o que fai que nos decatemos da dimensión humana ou emocional, se se quer de Culturgal, como cita de referencia para o sector".

A cifra de 9.000 visitas é un descenso en comparación coas 14.000 que a feira recibía nas súas últimas edición presenciais e coincide no número de visualizacións da edición virtual que se celebrou en 2020.

Aldea apostou nun “modelo de feira máis sustentábel no que seguiremos afondando nas vindeiras edicións, máis cómoda para visitantes, expositores e para nós como organización".

"Volveu a pasar. E volveu a pasar en Pontevedra, unha cidade coa que xa hai unha identificación plena, que responde á Feira como un proxecto propio”, sinala José Aldea

Como novidades no desenvolvemento do encontro, apunta que "máis da metade das entradas vendidas foron adquiridas online, é un cambio substancial respecto das anteriores edicións; tamén acontece cos pagamentos na feira por parte dos visitantes. En definitiva, cultura segura para todos".

Nos vindeiros día a organización entrará en contacto coas empresas que acudiron á cita "para coñecer a súa valoración do paso por Pontevedra e das novidades da edición" como o ter habilitado a sexta feira 26, primeira xornada do evento, como día de montaxe co recinto feiral pechado ao público.

A vindeira edición do Culturgal anúnciase xa entre os días 25 a 27 de novembro de 2022.


 

Comentarios