A feira da cultura decorrerá en Pontevedra do 24 ao 27 de novembro

Culturgal deita a mirada sobre as asociacións profesionais

A décimo quinta edición de Culturgal vén de dar a coñecer o programa que desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra do 24 ao 27 de novembro e no que contará con 115 expositores e cun reforzado Espazo Profesional no que participa boa parte do sector e das asociacións profesionais que operan. na cultura galega.
Eva Alonso, directora de Culturgal, onte, na presentación do programa.
photo_camera Eva Alonso, directora de Culturgal, onte, na presentación do programa.

Culturgal ten algo de festival, de feira, de festa, de encontro profesional e de escaparate sen ser exactamente ningunha desas cousas. En realidade, Culturgal e un xénero que se vai definindo a si mesmo con cada nova edición e que evolúe ao ritmo que marca o propio desenvolvemento da industria cultural galega. 

Onte presentouse a edición deste ano, que decorrerá no Pazo da Cultura de Pontevedra dos días 24 ao 27 de novembro baixo o lema "15 anos cos fíos da Cultura",  e que centrou esforzos en consolidar e reforzar o espazo profesional, quizais porque, despois do golpe recibido pola pandemia, a estrutura profesional da cultura tiña a necesidade de rearmarse ante o futuro. "Si, a demanda foi brutal e practicamente todas as asociacións van estar presentes coas súas actividades. Notamos moito a necesidade que había dun espazo destas características, onde os profesionais poidan debater sobre os seus proxectos", explica Eva Alonso, a nova directora da Culturgal, en conversa con Nós Diario. "Por primeira vez imos ter un espazo físico dedicado exclusivamente a estes encontros profesionais, situado no primeiro andar, un pouco apartado do bulicio da feira, para que haxa oportunidade de reflexionar con repouso sobre os temas que se traten". 

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o Consello da Cultura Galega,  a Asociación de Directores de Escena de España,  a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, a Academia Galega do Audiovisual... son só algunhas das entidades que, durante a fin de semana, celebrarán faladoiros, mesas redondas, obradoiros, sesións formativas, foros e presentacións de informes. 

Arte e danza

Eva Alonso tamén quixo reforzar a presenza da danza na feira. "Parecíame que a súa presenza era moi reducida en relación co momento de brillantez creativa que está pasando agora mesmo". Por iso estará presente cun espectáculo -o 25 de novembro- que pon ao límite a linguaxe corporal. Nova Galega de Danza, compañía de referencia na danza galega do século vinte e un, trae á Feira Credo, peza na que bota man da poesía de Celso Emilio Ferreiro para acompañar o camiño vital do ser humano. Xunto a Credo, o porriñés Daniel Rodríguez presenta na Culturgal A raiz de, proxecto premiado en Sólodos En Danza Ourense 2022.  

"Pero ademais tamén estará presente no Espazo Arte, coa intervención de Paula Quintas, Multiperspectivas#2, que une a improvisación teatral, o circo, a danza contemporánea e a intervención espacial". Un espectáculo que dá entrada as artes performativas en Culturgal. 

"O traballo do deseño deste ano do Espazo Arte foi moi interesante e creo que vai sorprender, que vai permitir experimentar a arte dunha maneira distinta", anuncia Eva Alonso.

Público infantil

O público familiar sempre forma un continxente importante dentro da feira e a nova dirección de Culturgal quixo prestarlle unha especial atención. "O principal é que este ano quixemos que este público sexa dinámico, que se converta en partícipe e non nun mero espectador pasivo. Organizamos moitas actividades para que os nenos e nenas participen da creación e se convertan en suxeitos activos da cultura. Hai moitos obradoiros, teatro (Baobab Teatro representará O lobo e a lúa e Elefante Elegante, Cubo, por exemplo), música (Magín Blanco ou o Quero Cantar da Deputación da Coruña) e cine. Non sempre contamos con películas galegas dedicadas ao público familiar, mais este ano temos entre nós a estupenda Valentina, de Chelo Loureiro, por exemplo". 

Culturgal, ademais, afonda no mundo do videoxogo "para non deixar de lado a innovación", con algúns xogos que aínda non están no mercado e que se poñerán a proba na feira.

 

Libros e filmes 

Cine e literatura son dúas ramas da creación que están a dar moitas alegrías á cultura galega nos últimos tempos e, por suposto, terán un lugar de honra na Culturgal. 

O cinema presentará as últimas novidades, entre as que se contan algúns filmes como O corpo aberto, de Ánxeles Huerta, Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, Eles transportan a morte de Samuel L. Delgado e Helena Girón, A virxe roxa de Marcos Nine,  Welcome to ma maison de Andrés Goteira e O gran Camiño, de Alba Prol e Raúl García. 

Canto á literatura, estarán presentes premiadas moi recentes no ámbito estatal como Marilar Aleixandre ou Ismael Ramos, ademais das novidades de autoras como Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Fran P. Lorenzo, entre outros. 
Entre as moitas actividades relacionadas co mundo do libro e as letras, hai que destacar a homenaxe, o sábado 26, a Helena Villar Janeiro polos seus “50 anos de poesía e compromiso”. 

Un minifestival coa música máis actual 

A música tamén ten un lugar destacado en Culturgal, e tamén neste eido presta atención ás novas voces que se van impoñendo no panorama nacional: ademais da habitual presentación de novidades que adoita ateigar o recinto, o día 26 terá lugar un minifestival, no que participarán Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore. Ademais de mostrar a diversidade da oferta musical en galego, servirá para celebrar os 15 anos que xa leva funcionando a feira.  

Comentarios