O Culturgal abre o prazo para recibir propostas de programación

Culturgal, a feira galega das industrias culturais, atinxirá o vindeiro mes de decembro a súa décimo primeira edición. Farao baixo o lema Ti levas o compás. Agora acaba de abrir o prazo para recibir porpostas de programación, que se estenderá ate outubro.
 

presentación_culturgal_mulleres_bravas
photo_camera Presentación de 'Mulleres bravas' no Culturgal de 2016. Foto: cedida.

“Habitualmente recibimos unhas duascentas propostas, das que no programa entran aproximadamente unhas 120”, expuxo esta segunda feira o director da mostra, Xosé Aldea. Participou na presentación do Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra acompañada do presidente do mesmo, Xulio Amigo, da concelleira de Cultura da cidade, Carmen Fouces, do director da Agadic Jacobo Sutil e do deputado de Cultura da Deputación Xosé Leal.

cartaz culturgal

Nos últimos anos, lembrou Aldea, os postos esgotáronse antes de rematar o prazo. E iso que este 2018, como en 2017, haberá “Espazo de Arte Contemporánea”, na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Serán mil metros cadrados a maiores.  

A comparecencia ante a prensa desta segunda feira serviu tamén para anunciar “os espectáculos especiais” deste 2018. Así, o sábado 1 de decembro actuará Carlos Núñez. A xornada anterior, Inversa Teatro representará Sofía e as Presocráticas. O domingo 2, OVIRAVAI e Xoán Curiel.

Culturgal conta con imaxe gráfica de Pepe Barro. O seu lema para este 2018, Ti levas o compás, “quere outorgarlle o protagonismo da feira ao público, que é a razón do éxito do Culturgal ao longo do tempo”.

“A feira conta cun importante patrocinio da Xunta a través de Agadic”, sinala Culturgal nunha nota remitida aos medios de comunicación. Segundo os datos do propio Goberno galego, son 65.000 euros, 10.000 máis que na pasada edición. O Concello de Pontevedra e mais a Deputación provincial tamén achegan orzamento. Este ano, por primeira vez, haberá unha colaboración especial do ente provincial da Coruña.

Da Asociación Culturgal fan parte as asociacións culturais “máis representativas do sector”.

Nota: cartaz de Pepe Barro para o Culturgal.

Comentarios