Culturgal abre o prazo dun mes para recibir propostas de proxectos e actividades

Artistas, asociacións, empresas, entidades ou particulares poderán presentar propostas para integrar o programa do Culturgal 2013 que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra. O prazo remata o 3 de outubro. 

Culturgal, edición 2012
photo_camera Culturgal, edición 2012

Até o 3 de outubro a organización de Culturgal abre o prazo para que empresas, asociacións, artistas ou entidades presenten as súas propostas para tomar parte do programa da feira da cultura. Búscanse proxectos innovadores e interesantes para converter o Culturgal nun escaparate das novas iniciativas que se moven no mundo cultural galego. 

A Feira celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro e a organización abre o seu programa para actividades e presentacións de proxectos, produtos e servizos. Na web da Feira atópanse as bases para participar nesta convocatoria aberta. 

Desde a organización ofrécese o “palco” do Culturgal para visibilizar e difundir as distintas propostas entre profesionais, programadores, representantes do mundo da cultura e público xeral que participa cada edición na feira da cultura. Anuncian que valorarán iniciativas xa en marcha, que impliquen colaboración entre empresas ou entidades e supoñan un achegamento participativo ao público. As empresas que forman parte das entidades asociadas e as que contraten stand na Feira primaranse á hora da selección dos proxectos. A información completa para participar na proposta atópase na páxina web do Culturgal.

Comentarios