As culturas galega e portuguesa danse a man na Coruña

Tanto na revista Nós como no seu Teoría do nacionalismo galego, Vicente Risco mostrou a súa proximidade coa cultura portuguesa. O programa “Cultura que une”  continúa nesa filosofía dos días 10 a 13 de xuño na Coruña.

Unha delegación cultural portuguesa co filósofo Leonardo Coimbra á cabeza  e con artistas como Joao Peralta e Octavio Sérgio visitaba A Coruña en setembro de 1929. O episodio é o punto de arranque que serve para presentar o seu programa “Cultura que une” que bota a andar este 10 de xuño na Coruña  e se prolongará até o día 13 con exposicións, mesas redondas, recitais e encontros para que a cultura galega e portuguesa se dean a man. Na iniciativa participan entidades das dúas bandas do Miño, asociacións que se teñen destacado en contribuír á relación cultural entre Galiza e Portugal como a Fundación Vicente Risco, Ponte nas Ondas ou AGAL entre as galegas e Museu Bernardino Machado, Casa Museu de Monçao, Tertúlia ou Ecomuseu nas portuguesas

No día de Camões, este 10 de xuño, o salón de actos da Real Academia Galega ábrese para acoller ás 20.30 horas unha mesa redonda presidida por Xesús Alonso Montero arredor  de “As relacións intelectuais entre Galiza e Norte de Portugal” coa participación de Norberto Cunha, Paulo Vieira de Castro, Paulo Samuel,Gaspar Martins e Carlos Pazos, o envés doutra mesa redonda que se desenvolveu en Amarante coa presenza de figuras do mundo cultural galego. 

Poesía, música e historias

Previamente, ás 19:00 horas, ábrese a mostra de fotografía “Os nosos ríos” na Sala María Pita para, media hora despois, realizar un recital de poesía de clásicos galegos-portugueses no Xardín de San Carlos. Na mesma xornada abriranse exposicións de artes plásticas na libraría Linda Rama e Monty. No I.E.S. Menéndez Pidal instalarase a exposición “Do saudosismo ao atlantismo. De Teixeira de Pascoães a Vicente Risco”. 

Un concerto do grupo de Cámara “Ensemble Hotteterre” na Igrexa de San Domingos na quinta feira, un de Viola Amarantina a cargo do profesor Eduardo Costa, e un terceiro de música actual  co Trío de Jazz composto por Ton Risco, Alfonso Medela e Juan Cañada, e o dúo de Bossa Nova composto por Gustavo Carvalo e João Morais. 

O sábado será o derradeiro día do programa que comezará ás 11 da mañá cun encontro de artistas en Maquinaria Pesada para continuar á tarde no Linda Rama coa presentación dos cursos de lingua e cultura en Lisboa e o encontro de poetas con Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptisa, Carlos DA Aira, João Madureira, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño. No mesmo espazo, ás 22:00 as historias virán contadas por Isabel Risco e Vítor Fernandes. Antes do peche, ás 20.30 horas, nas Portas Ártabras proxectarase o filme mudo “Carmiña. Flor de Galicia” coa música de Cántigas da Terra. 

Comentarios