CIG denuncia que a Xunta subsidia unha empresa de servizos vencellada ao Opus para a promoción do baile

A Fundación de Estudos e Análise (FESAN), dedicada á formación, ocupación e atención a centros asistenciais, foi beneficiaria dunha subvención da Consellería de Cultura por máis de seis mil euros para unha asistencia técnica para o fomento do baile tradicional. A CIG-Administración denuncia o trato de favor a unha fundación que vencella co Opus Dei. 

Non é a primeira vez que FESAN, a Fundación de Estudos e Análise, aparece nas listaxes de axudas públicas da Xunta, pois que a propia CIG-Administración denunciara a resolución do concurso de xestión de garderías privadas que recaeu na mesma empresa por valor de1,57 millóns de euros. 

O singular desta volta é que a Fundación de Estudos e Análises, dedicada de maneira especial á formación, xestión ocupacional e de centros de infancia e maiores, é beneficiaria dunha subvención da convocatoria destinada a entidades culturais. A CIG-Administración, que vencella a asociación co OPUS, define FESAN como “unha desas consultoras omnipresentes na Xunta que vale para un roto como para un descosido”. 

Na convocatoria da Consellaría de Cultura, Fesa é beneficiaria de 6.628,44 €, nunha listaxe na que a maioría das entidades son sen ánimo de lucro. Denuncia a CIG que na súa páxina web non figura en parte algunha a dedicación a actividades de promoción cultural, polo que entenden que “lle estamos a pagar as clases de baile que darán nos centros que tutelan e que deberían ser ofertadas por eles como servizos a comunidade. Iso por non dicir que hai suficientes indicios que apuntan cara á un evidente favoritismo con esta empresa multidisciplinar”.

FESAN ten sedes en Santiago e Lugo. Na súa páxina web e nas redes sociais -integramente en español- sinalan que son unha entidade con dúas liñas de traballo, a formación e xestión de servizos. "Somos centro homologado para impartir formación profesional, temos Escola de Tempo Libre homologada e impartimos todo tipo de cursos de carácter privado", din ao tempo que informan de que xestionan 14 centros de maiores e 13 garderías na Galiza.

Comentarios