“Cultura sobre Rodas” en prazas e aldeas de Lugo

O programa “Cultura sobre Rodas” levará cine e monicreques a prazas e aldeas de 25 concellos da provincia de Lugo. A Vicepresidencia da Deputación aposta por “potenciar o tecido asociativo” con esta iniciativa. 

 

rodas
photo_camera rodas

O Filme “A última viaxe do afiador”, documentario producido por Boneca Lareta, e o espectáculo infantil de marionetas “Nº 8 Rúa dos Contos” da compañía Trécola son as propostas que a área de Cultura da Deputación de Lugo fará rular por 25 concellos da provincia. 

“Coa posta en marcha deste programa queremos potenciar o tecido asociativo de concellos e parroquias, complementando aquelas actividades que xa realizan os propios colectivos”, sinalou do programa Mario Outeiro, responsábel da Área de Cultura da Deputación que distribúe esta proposta cultural por pequenas parroquias ou prazas, en colaboración con asociacións do tecido cultural e veciñal dos distintos concellos. 

A ampla resposta de edicións anteriores levou, segundo Outeiro, á ampliación do programa que inclúe desta volta o espectáculo infantil de Marionetas Trécola, unha proposta de humor tradicional con feitura artesanal, ademais do documentario que achega ao público á vida dos vellos afiadores e coa que se quere rememorar a experiencia dos cinemas de verán ao aire libre. Unha roda de afiar, unha bicicleta e unha moto forman parte da exposición que viaxa canda a película documental coa que se explica a evolución do oficio. O etnógrafo e escultor Florencio de Arboiro explicará cada unha das pezas. 

Comentarios