venres 23/07/21

'A cultura que toca’: o Culturgal do "reencontro" xa está aquí

Culturgal 2021 celebrará a súa 14 edición do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra

culturgal

A Feira das Industrias Culturais de Galiza, Culturgal, celebrará a súa edición número 14 en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro baixo o lema 'A cultura que toca'.

Este terza feira presentouse o evento na cidade pontevedresa, polo que se abre así o prazo de reserva de espazo feiral para empresas, entidades e artistas. Ao mesmo tempo arrinca a convocatoria para participar na programación, con prazo até o 15 de setembro.

Nesta presentación participaron o presidente e o director de Culturgal, Víctor López e Xosé Aldea, respectivamente; acompañados da deputada provincial Vitoria Alonso; o director da Agadic, Jacobo Sutil e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme  Fouces. Aínda que non estivo representado na rolda de prensa, o Ministerio de Cultura e Deporte tamén é un dos patrocinadores da Feira.

Víctor López xustificou este acto na rúa en "esa necesidade" que todos teñen "de recuperarmos como seres sociais, de recuperar o gozar do espazo público, de recuperar o goce da cultura". De aí tamén que o lema deste ano teña "un amplo significado", comentou, entre elas que esta edición do Culturgal sexa a do reencontro, "a da recuperación, do contacto directo coa cultura".

Pola súa banda, o director da Feira, Xosé Aldea, convidou o sector cultural a participar na Feira confeccionando un programa que é "un proxecto colectivo".

A dixitalización da Culturgal toma impulso tras unha pasada edición en streaming que serviu de aprendizaxe para a organización que, en 2021, porá en marcha a Culturgal TV, unha canle que a maneira de  magazine funcionará como "unha tele cultural de fin de semana". O 26 de novembro será unha xornada orientada aos profesionais do sector e os días 27 e 28 abrirase ao público.

Vitoria Alonso, deputada de Cultura e Igualdade na Deputación de Pontevedra, destacou a presenza que terá a institución provincial na Feira con caseta propia mostrando a cultura feita na provincia e "traballando con entusiasmo con todos os concellos para mostrar o seu labor cultural", sinalou.

Por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil confirmou a presenza da Xunta con caseta propia e valorou que "é unha moi boa noticia recuperar a  presencialidade e o contacto directo do público coa cultura, imprescindible para reactivar o sector entre todos", apuntou.

Finalmente a concelleira de Cultura, Carme  Fouces, incidiu en que Pontevedra "non só porá o espazo físico, o Pazo da Cultura, senón a alma nesta Culturgal da recuperación".

Culturgal foi un dos tres eventos mellores valorados do Estado dentro da convocatoria ministerial 2020 de axudas para a acción e a promoción cultural.

comentarios