Jorge Linheira investiga o sector durante a autonomía

Cultura sen políticas culturais

“Non existiron políticas culturais, o que se fixo foi política sobre a cultura”. Con esta contundencia sintetiza o investigador Jorge Linheira (Compostela, 1987) as conclusións de seiscentas páxinas de A cultura como reserva india (Libros.com, 2018), o seu estudo publicado o pasado agosto e que continúa a presentar por Galiza. Esta sexta feira, 29 de marzo, farao en Vigo, Detrás do Marco, ás oito do serán.
 

Museo Gaiás
photo_camera Imaxe da Cidade da Cultura, en Compostela. Foto: cedida.

“Refírome a que non houbo políticas culturais entendidas como vocación de servizo público, como loita por democratizar a cultura. Nin tampouco se apoiou a quen quixo facelo”, explica a Sermos Galiza. Fala, sobre todo, da Administración autónoma, aínda que no seu ensaio, subtitulado Trinta e seis anos de políticas culturais en Galiza, salva o interregno bipartito (de 2005 a 2009), receptor dunha “herdanza envelenada”.

“A opinión dentro do ecosistema cultural galego sobre aquela lexislatura é bastante positiva”, escribe Linheira no capítulo correspondente do libro, “especialmente en comparación coa que a precedeu e coa que a substituíu”. Precedérona 15 anos de gobernos Fraga Iribarne, con Pérez Varela como organizador, que supuxeron a estruturación e consolidación do sistema cultural da Autonomía.

Foto twitter

“Espectáculo, autobombo, grandes eventos”, resume, no que considera a versión autóctona do concepto Cultura da Transición, popularizado polo xornalista catalán Guillem Martínez. Segundo Martínez, a cultura oficializada despois da ditadura agochou conflitos políticos por resolver no Estado e resultou funcional ás novas elites dirixentes e ao seu proxecto estabilizador.  “Sei que me critican por importar esta idea á cultura galega, pero eu creo que existen semellanzas claras”, argumenta.

Logo de seis meses na rúa, A cultura como reserva india provocou críticas, debates, discusións, impugnacións. “Estou encantado de recibir críticas, as boas e as malas”, di, “mais ás veces penso que as fan quen non leron o libro, apenas viron algunha entrevista comigo ou as primeiras páxinas”. Unha das reiteradas, comenta, é a lingua de publicación do seu traballo, o castelán. Pero Linheira asegura que non deu atopado quen o sacase en galego. “É unha anomalía máis do ecosistema cultural galego, que non houbese unha editorial en galego para o libro”, sinala. A situación é agora diferente e o autor xa negociou unha versión retocada en galego para Laiovento.

Se de anomalías se trata, pon o foco sobre outra que, ao seu ver, resulta sintomática: “É incríbel que, nas tres universidades, non haxa un só grupo de investigación en políticas culturais”. Ou o “ecosistema cultural moi precario” que nos 36 anos estudados non mudou. E do que as autoridades actuais ao cargo non parecen conscientes: “O conselleiro de Cultura [Román Rodríguez] nunca pronuncia a palabra precariedade. E cando falas con traballadores do sector, é un dos asuntos principais”.

Rodríguez continúa no albo de Linheira como exemplo do emprego de certa idea de cultura por certos políticos. “Non paran de falar da súa importancia, e á vez o seu partido [o PP] denuncia a ordenanza municipal de Compostela sobre os concertos nos locais ou inventa unha trama contra o tecido cultural da cidade”, esténdese. Nas páxinas do libro despáchase aínda con maior contundencia e acusa ao PP de “medo, descoñecemento e desprezo” ao respecto.

Más de 30 entrevistas


Máis de 30 entrevistas con axentes culturais conforman os alicerces de A cultura como reserva india. O seu escritor admite débedas con textos previos de Xan Bouzada, Marcos Lorenzo ou José Carlos Bermejo Barrera e, porén, afirma que “non había unha compilación investigadora totalizadora, ambiciosa se se quere” como a súa. Que naceu dun traballo de fin de mestrado na Universidade de Valencia.

Na presentación -a oitava-  da sexta feira 29 de marzo (Detrás do Marco, 20.00 horas) en Vigo, participarán ademais do propio Linheira, o ensaísta David Rodríguez, a xornalista Marta Gómez e a crítica cultural Ania González. Despois, A cultura como reserva india viaxará a Bilbo, Lalín, Pontevedra, Ribadeo e o Barbanza.

Nota: o investigador cultural Jorge Linheira, autor de A cultura como reserva india.

Comentarios