XOÁN ANLEO, ARTISTA

“A cultura está penalizada como un artigo de luxo”

Leva máis de tres décadas ofrecendo un discurso persoal e crítico no mundo da arte conceptual. “Vector” é a súa obra máis recente. 

Xoán Anleo
photo_camera Xoán Anleo

Vector é a exposición que Xoán Anleo ten aberta na galería Ad Hoc de Vigo

-Vector fálanos dunha obra xeométrica, construtivista, o que non é o seu caso. Por que titula así a súa exposición?

Alude a dous conceptos, empregados na física e na bioloxía. Na física é forza, a que sae dun centro expandido cara á múltiples direccións que parten dun mesmo punto. No concepto de bioloxía refírese ao vírico, a transmisión viral, dalgún xeito, á infección. Nesta exposición toma corpo dun xeito moi claro un concepto que empreguei ao longo da miña traxectoria que era o de tautoloxía. Vendo en conxunto a miña traxectoria, obsérvase que a idea de múltiple, de reprodución, de repetición de elementos que aparecen en distintos momentos agora adquire moita forza. Desde os primeiros traballos como a peza de tellas dispostas no chan até as bolas de can de plástico, optei pola multiplicidade, é dicir, polo concepto de arquivo. Fotografar elementos sucesivos que se catalogan, arquivan e mostran foi constante na miña obra. Por vez primeira vexo que ese pouso constante é un conxunto ao longo de toda a traxectoria. 

-Identifica entón ese concepto a súa obra?

É como un círculo que se pecha. Cando estás dentro moitas veces non es consciente, non se ve con claridade e o tempo fai que dalgunha maneira se manifeste con máis contundencia. 

-Ese elo na súa traxectoria non sería o da identidade?

Xusto. Interésame a construción dos suxeitos e a subxectividade, sobre todo na idea desa identidade. É unha clave que está sempre presente na miña obra. O meu traballo é unha reconstrución constante  dos arquetipos, da sexualidade, a identidade, sempre desde unha posición crítica que, para min é fundamental.  

-O que a fai moi conceptual...

Considérome claramente un artista conceptual. Entendo a arte como unha posición crítica, de análise, conceptual. Non entendo a arte nos temos de beleza ou decoración. 

-Na súa traxectoria, recupera algunhas obras que tiñan unha vontade de epatar, de impactar tamén. 

Non busco epatar, é algo que sae da miña maneira de entender o presente, de como me interesa. Emprego unha diversidade de medios que ao longo da traxectoria conforman a obra, a fotografía, o vídeo, a palabra... son moi importantes para min. Teño traballado a poesía, a arte sonora, elementos da publicidade e dos medios... sempre con esa vontade crítica que, ás veces, pode resultar sorprendente. 

-Dáse na súa obra un abandono do matérico cara ao audiovisual?

O audiovisual e a fotografía están moi presentes, mais tamén elementos encontrados. Vector, o título da mostra, é unha grande instalación de discos de vinilo e capas que levaba máis dunha década coleccionando. Trátase dunha instalación de carátulas de vinilo que fala da idea de mascarada, de como nos representamos e o que agochamos detrás. Emprego a presentación dos grupos musicais, en especial da década dos noventa e finais dos oitenta ata a actualidade. 

-Trátase entón da peza fundamental da exposición. Que máis nos ofrece “Vector”?

Inclúe tamén dúas videoinstalacións, unha de tres canles e outra de dúas. Retomo a idea de ruína contemporánea, obras baseadas no cemento. Tomei como obxecto unha construción abandonada de Vigo, un esqueleto, como metáfora da sociedade, con análise crítica, representación do país e a deriva na que estamos, mais tamén alude á situación de perda, de desenlace, de proxectos inacabados. A outra peza chámase “Liña de fogo. El Cairo” e é unha instalación fotográfica, despois de ter realizado unha residencia de artista en Exipto recentemente, no momento álxido de conflito. 

-Como fora esa experiencia?

Moi enriquecedora. A idea do desprazamento, de saír dos focos europeos ou americanos aporta moitas ideas. A vida seguía mesmo a ser momentos tan difíciles e o proceso de transformación era enorme. O que fago nesta instalación é recoller un elemento da rúa, igualmente repetido, metafórico da destrución, do cambio, do que é o mesmo mais é viral, do que mostra a situación do que é o país, un elemento que é o espazo público para separar os coches e nos fala desa vivencia. A exposición complétase cunha peza con edición de capas de disco propias, como obxecto, con tirada limitada, lembrando a miña experiencia no ámbito musical. Meu pai era músico profesional e a miña nai costureira. Nacín entre fíos e teas e música e iso deixou pegada. 

-A música está presente nas distintas etapas da súa vida artística?

Sempre tiven interese na música e xa de adolescente escapaba a Vigo para escoitar concertos. A pegada de Enrique X. Macías foi importante. Non tiña contacto con el mais daquela estaba moi activo. Lembro artigos moi reveladores en A Nosa Terra e conferencias moi lúcidas. A súa posición innovadora interesábame moito. Con Chiu Longina montei tres grupos e tiña alteridade como dj. O son é outro dos medios importantes na traxectoria. Esa idea de nacer entre teas e música nunca a manifestara. Nacín en Marín, nos anos sesenta nun momento escuro, sen luz e tal vez... 

-Esa cor e esa música eran a súa maneira de saír daquel mundo cincento?

Pode ser... tal vez fose unha necesidade naqueles oitenta. 

-Desde entón como mudou o mundo da arte?

Moito. Na Galiza en especial. Agora podemos acceder dun xeito máis fácil e democrático. Creouse a Facultade de Belas Artes, o CGAC e o Marco e as galerías profesionais que, só en Vigo hai tres. Agora hai unha xeración nova á que, curiosamente, me sinto moi perto. 

-A crise estase a notar?

Nótase e onde máis se apreza é no ámbito da cultura onde se están a facer estragos. Hai unha demonización da cultura como se non fose necesario. A cultura está penalizada como un artigo de luxo, cun imposto máis alto como se non fora necesaria. Os recortes son insostíbeis. Temos que reflexionar sobre o que queremos construír. Se queremos un país con futuro a cultura é necesaria. Non é entendíbel esta furia contra a cultura. 

-Despois de máis de tres décadas de produción, que supón a creación artística na súa vida?

Unha infección, paixón desmedida. Estou sempre activo, en constante movemento. Produzo moito e continúo investigando, evolucionando. Son moi inquedo. A arte é un medio moi duro en especial para unha persoa que expón dúbidas, interrogacións, producións críticas. A miña obra non é un fetiche fácil de comercializar. Non se trata dun elemento tradicional como a  pintura ou a escultura. É un longo camiño, con fisuras e derivas. 

Comentarios