Do 26 ao 28 de marzo

"A cultura en pandemia", a debate no FLIV

Os días 26, 27 e 28 de marzo decorre en liña o II Festival Virtual do Libro da Galiza, FLIV21.
fliv
photo_camera Un encontro durante a primeira edición do festival. (Foto: Nós Diario)

Os días 26, 27 e 28 de marzo decorre en liña o II Festival Virtual do Libro da Galiza, FLIV21, que vai congregar máis de 70 persoas convidadas e arredor dunha trintena de actividades. O debate e a información arredor deste último ano da cultura do libro, marcado pola pandemia e polas conmemoracións, vai ser o eixo sobre o que xire o festival.

O aniversario de Emilia Pardo Bazán; á homenaxe do Día das Letras á poeta Xela Arias, pasando por Álvaro Cunqueiro e as celebracións arredor do Día Mundial do Teatro (o 27 de marzo) serán figuras e temas de análise nas tres xornadas do FLIV. 

Esta segunda edición contará cun sistema operativo similar ao da primeira, que tivo lugar en xuño de 2020. O festival poderá seguirse a través do portal web do festival, polo que se transmitirán as diversas charlas, mesas redondas, conversas ou debates, as presentacións de libros e as intervencións teatrais. 

A co-directora do festival, Anna R. Figueiredo sinalaba durante a presentación do evento a oportunidade dunha cita virtual, “nun momento no que a maior parte dos actos culturais seguen a contar cunha capacidade limitada".

"Ofértase a información do que pasou, do que acontece e do que se agarda a disposición xeral no portal virtual e durante un ano natural", salientou.

A situación da cultura na pandemia formará parte desta edición nun debate entre expertas da creación e da promoción cultural baixo o título de “Cultura segura, cultura resiliente” no que participarán Anna R. Figueiredo, María Armesto, Camilo Franco, Maribel Tato e Anxo Lorenzo.

Neste sentido, para Figueiredo, o lema do festival, “Reflexo da cultura”, quere ser “lugar de referencia ao que acudir dialogar cos elementos comúns".

Comentarios