A cultura e a lingua galega viaxan en contedores mariños nun proxecto internacional de Donostia 2016

A cultura e a lingua galegas participan da man da Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización no programa Donostia 2016, Capital Europea da Cultura, cun proxecto arredor da diversidade lingüística. As realidades de Gales, Escocia, Irlanda, Frisia, Cornualles e o País Vasco son, canda Galiza, protagonistas da iniciativa. 

donostia2016
photo_camera donostia2016

A Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) son as parceiras galegas do proxecto de promoción e defensa da diversidade cultural e lingüística Tosta Cargo que forma parte do programa Donostia-Capital Europea da Cultura 2016. A Europa Atlántica é o referente desta iniciativa que ten como obxectivo difundir e celebrar a diversidade cultural e lingüística e que se materializará en residencias artísticas, intercambio cultural e festivais nos diferentes portos aos que as distintas propostas culturais chegarán por medio de contedores mariños. 

“O proxecto, que apoiamos desde as áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña, abre a posibilidade de internacionalizar a nosa lingua e busca puntos de encontro entre as distintas comunidades culturais”, sinalou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín.

O proxecto, denominado Tosta Cargo,  é a embaixada itinerante do Faro das Voces, un dos tres eixos nos que se articula o programa de Donostia Capital Europea da Cultura 2016 e trátase do envío dun “cargamento cultural” a través de contedores mariños que visitará Galiza, Gales, Escocia, Irlanda, Frisia, Cornualles e o País Vasco. En cada un dos portos en que recale, organizarase no verán un festival para visibilizar as creacións d@s artistas participantes e festexar a diversidade lingüística dos distintos países. “A idea serve para mostrar que en galego estamos no mundo, que podemos relacionarnos en pé de igualdade nunha viaxe de intercambio artístico e cultural. De maneira simbólica espállase tamén a idea de que a lingua ten a ver coa identidade e a cultura mais tamén coa mercadoría, que debe e pode funcionar nese ámbito comercial e económico”, explicou a Goretti Sanmartín. 

Festivais nos portos 

Tres son as fases, segundo o representante de Donostia 2016, Imanol Otaegi, nas que se desenvolverá o proxecto. Na primeira terá lugar o intercambio de residencias artísticas, na segunda o resultado será recollido nos contedores e difundido en distintos portos e na terceira e final, que terá lugar de maio a setembro de 2016,celebraranse os distintos festivais pop-art en cada un dos portos dos países participantes. A punto final do proxecto ter´alugar no porto de Pasaxe, no País Vasco, o 26 de setembro, data na que se conmemora o Día Europeo das Línguas. donostia2016

“Contribuirá a romper o descoñecemento das nosas linguas e as súas situacións e mostrar que a diversidade lingüística é un factor de unión, como o é o mar e o océanos que serven de metáfora”, sinalou o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira. “Servirá para celebrar algo que se esquece, que existe diversidade. Daremos a coñecer a nosa lingua e teremos oportunidade de achegarnos ás outras participantes no Tosta Cargo”, sinalou.

No Tosta Cargo participan, entre outras entidades, Tapagunea (País Vasco), Celtic Neighbours (Gales), Ealain Na Gaeltachta (Irlanda), Proiseact nan Ealain (Escocia) e Golden tree Productions (Cornualles). Arredor do 75% do orzamento provén de Donostia-2016, programa no que participa o Concello de Donostia a Deputación de Guipúscoa e o Goberno Vasco. 

Comentarios