Cesáreo Sánchez

"A cultura galega está vencellada inequivocamente ao idioma"

Poeta e presidente da AELG, Cesáreo Sánchez é quen este sábado toma a palabra no #VenhanMáisCinco.

cesáreo
photo_camera Cesáreo Sánchez, na apresentación do seu último poemario, Tempo Transfigurado

-Como avalías o estado actual da cultura galega?

-O estado da cultura galega está vencellado inequivocamente ao estado do idioma, máis é a cultura como ferramenta de creación, tamén de idioma, a que ten que axudar a subvertir as tendencias de asfixia institucional do noso idioma. A cultura ten que ser unha creadora de espazos de normalidade para o idioma. É un tempo de organizar unha ampla base social, con potenciación de plataformas existentes ou creación de novas, que a defendan activamente coa súa capacidade de construcion dunha sociedade crítica para coas dinámicas de colonización cultural. Estando como está, a nosa cultura, neste tempo tan duro, tan á intemperie institucional, (no libro galego en galego, o descenso entre 2005 e 2015, en axudas á edición, foi de 80%) con algunhas illas en concellos e algunha deputacion, con persoas á fronte con sensibilidade cultural, comprobamos a capacidade que temos de anovar, en tempo presente, con fonda raíz  no patrimonio cultural onde beber das fontes da propia tradición. A globalización, tan depredadora, non nos derrotou. Podemos velo na escrita, en todos os soportes, tamén no cinema ou na musica. As novas xeracións están a ter un peso determinante e coa aportación tan importante das novas creadoras. 

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?

-A evolución virá dada polas propias dinámicas que nós sexamos capaces de desenvolver para que a situación de regresión cultural reverta. Sempre se construíu cultura, mesmo sen termos un poder político verdadeiramente galego. Non podemos agardar pola normalidade política-institucional para construír xa hoxe a normalidade cultural. Coa capacidade creadora de mozos e mozas, e a experiencia contrastada dos menos novos, agardo un salto cualitativo cara adiante na evolución da nosa cultura. Será importantísimo ir incorporando as experiencias culturais que con humildade de medios se están a producir dentro do tecido cultural e social, verdadeiras experiencias de investigación cultural, para incorporalas de xeito extensivo na dinamización cultural en toda a Galiza. Neste punto Sermos Galiza terá unha función importante, xa o está a ter. É determinante que sexa tomado coma prioritario o valor estratéxico da cultura na construción da nación, no día a día, e no que subxazan estratexias claras para o medio e longo prazo. E digo que sexa considerado o seu valor estratéxico de xeito efectivo pola  administración, que a iso está obrigada. Nunca fixo efectivo, por exemplo, o recoñecemento do sector do libro galego como sector estratéxico para a Galiza, como se recoñece na actual Lei do Libro. Mais tamén ten que ser asumido pola propia sociedade galega máis consciente e xa organizada.

"A globalización, tan depredadora, non nos derrotou"

-Que esperas de Sermos Galiza nos vindeiros cinco anos?

-Ao ser un medio que nos axuda a nos ver plurais e colectivamente como a nación que somos, agardo, e nese camiño está, ver reflectido o acontecer da vida que busca a súa normalidade. Sermos Galiza ten a capacidade de mostrarnos na ledicia da creación do día a día e nas tensións da reivindicación ao sermos negados coma galegos. No que nos nega e nos arrinca ao devalar da vida. No que nos quere crebar a esperanza. Agardo, ilusionado, o seu medrar en influencia ao facer confluír cualitativamente e cuantitativamente a información coa súa capacidade de nos intercomunicar para nos coñecer e recoñecer mellor. Para recoñecérmonos na propia voz : alicerce sobre o que construímos a nación.

Agardo de Sermos que siga a mostrar a suma dos que procuramos vivir en galego, para que poidamos seguir a narrar a construción do tempo humano sobre esta terra. A existencia de Sermos fai posíbel  vérmonos como nación, coa nosa propia iconografía, ao axudar, de maneira determinante, á creación e transmisión do imaxinario dun pobo. Sermos Galiza é necesario para que non nos expulsen máis unha vez da nosa propia historia.
 

Comentarios