Iolanda Gomis

“A cultura galega é invisible para a maioría da sociedade”

Este domingo conversamos con Iolanda Gomis -experta en xestión cultural, educativa e en e-learning, coordenadora xeral da equipa de Tagen Ata- dentro do ciclo de entrevistas de Venhan Máis 5.

IolandaGomis1
photo_camera Iolanda Gomis

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Invisible para a gran maioría da sociedade galega. Aínda que existan iniciativas interesantísimas ou vontade por facer, a realidade é que a gran masa galega vive no imaxinario holllywoodiense e no baleiro identitario do universo global.

-Que evolución agardas no plano cultural galego a cinco anos vista?
-Desexaría o mellor dos futuros, que volvesen todos e todas as mozas emigrantes para facermos cultura, por exemplo. Mais a evolución é unha incógnita porque vivimos tempos de incerteza, cheos de ameazas e tamén de oportunidades. O mellor que nos podería pasar sería que algo mudase de xeito profundo para termos por fin voz no mundo e para poder facernos ver entre o devastador homoxéneo. 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou  podemos mellorar?
-Oxalá Sermos poida ser unha referencia na nova cultura galega que xa está tardando en nacer. Un referente con pés e mans na realidade, con empatía social e con interese algo maior do pobo galego pola propia cultura e polas propias posibilidades. 

Comentarios