A cultura galega celebra o Día Mundial do Teatro

Non foi como estaba pensado que fose -coa gran festa na gala dos Premios María Casares- mais as circunstancias non impiden que se festexe a vida do teatro galego neste 27 de marzo, "o seu día".
Isabel Risco é a autora do Manifesto Galego
photo_camera Isabel Risco é a autora do Manifesto Galego (Foto: AAAG).

O mundo do teatro está de festa. Hoxe, 27 de marzo, celébrase en todo o planeta o Día Mundial do Teatro, que cada ano desde 1997 na Galiza  festéxase coa gran gala dos Premios María Casares, que en 2020 estaba previsto que se desenvolvese durante o día de onte no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Mais non puido ser. Con todo listo, a gala –que ía ser conducida pola actriz Cristina Moreira- non se puido celebrar a causa da pandemia que asola Galiza e o mundo.

Pola súa banda, a tamén actriz Isabel Risco foi a encargada por parte da xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) de asinar o Manifesto Galego, que ía ser lido, como é tradición, na propia gala.

Risco engadía así o seu nome ao de xornalistas como Camilo Franco e Montse Dopico; o historiador Ramón Villares; os escritores como Xurxo Borrazás, María Xosé Queizán e Méndez Ferrín; as poetas Lucía Aldao e María Lado; ou a dramaturga e actriz Imma António.

Porén, e a pesar de que a gran festa do teatro galego non se puido levar a cabo –polo de agora- desde a AAAG fixeron público o Manifesto Galego, un rebelde canto de amor ao teatro.

O teatro, unha disciplina en igualdade

Coincidindo con esta efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG) fixo público un estudo titulado 'Informe sobre ou teatro  galego: creadores,  xestores e públicos' no que revela que a maior parte dos xestores de teatro son mulleres e que o público segue sendo eminentemente feminino

Ademais, destaca que o galego é a lingua maioritaria de representación e que os espectáculos infantís son os máis demandados.

O perfil do xestor teatral galego é o dunha muller, cunha idade media de 49 anos, sen dedicación exclusiva e sen formación específica nin experiencia previa en xestión cultural.

Por outra banda, e segundo os datos do Observatorio, nove de cada 10 espazos que dependen destes programadores son públicos. Trátase de pequenos teatros, de pouca capacidade e con orzamentos escasos. De feito, a maioría non obtén ingresos pola venda de entradas e esta situación dáse, sobre todo no rural.

Con respecto ao público, este vai de media ao teatro con moita frecuencia –case sete veces ao ano- e está composto por un perfil eminentemente feminino e cunha idade media entre 30 e 49 anos, estudos universitarios, ingresos relativamente altos e residencia nunha cidade

Con todo, no ámbito da creación, o perfil é máis equilibrado. Así, abundan os homes, de 46 anos de media e cun elevado nivel de formación, tanto xeral como específica, cun salario que rolda os 900 euros. Relacionado con esa cifra o informe pon en evidencia o escaso orzamento das compañías de teatro.

Cartas de Salvat e Luís Seoane

O Consello da Cultura Galega publicou, ademais do devandito informe, 14 cartas que se corresponden co  epistolario que cruzaron Luís Seoane e Ricard  Salvat.

Ricard  Salvat foi un dramaturgo, ensaísta, director escénico de teatro e ópera, profesor e promotor cultural, pero tamén unha figura de referencia que serviu para conectar escenarios distintos como Madrid, Roma, México,  Budapest,  Coimbra pero tamén Ribadavia ou A Coruña.

E, finalmente, o CCG tamén incorporou 35 novas entradas do seu 'Dicionario enciclopédico de termos escénicos'.

Comentarios