Daniel Asorey

"Agardo que en cinco anos non siga a gobernarnos o Partido Popular"

Dentro da serie Venhan máis 5 quixemos falar tamén con Daniel Asorey (Santiago de Compostela, 1970), profesor e escritor galego que vén de gañar o Premio Narrativa Breve Repsol no ano 2016 coa súa obra Nordeste.

DanielAsorey
photo_camera Daniel Asorey

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Coido que a cultura galega se atopa nunha encrucillada. Temos un goberno que xoga claramente á contra, que non aposta por todo o talento que hai no país, pois despreza a cultura e a lingua que nos definen como pobo. É unha cuestión ideolóxica, saben que as industrias culturais teñen un peso económico moi importante, que a lingua é unha fonte de riqueza, e que, na Galiza, a achega do mundo da cultura ao PIB e ao emprego é superior ao do sector naval, máis prefiren que desapareza. Fan o traballo ao servizo de intereses alleos e dunha ideoloxía uniformizadora e neoliberal. Ao igual que rouban o benestar material do pobo, tamén lle rouban a súa herdanza e o seu futuro cultural. Por iso digo que estamos nunha encrucillada, porque, fronte ao desleixo, hai moitísimo talento e posibilidades.

Desexo que o Sermos dea entrada a novas sensibilidades e novas voces

-Que evolución agardas no plano cultural galego a cinco anos vista?
-Pola supervivencia cultural deste país, agardo que en cinco anos non siga a gobernarnos o Partido Popular, e que daquela a cultura galega volva a ocupar o lugar que lle corresponde. Agardo que, en cinco anos, o libro, o audiovisual, a música, o teatro e a danza... reciban os apoios precisos para poder xerar a riqueza da que algúns queren privarnos. Somos un pobo talentoso, con mulleres e homes que fan cada día alfaias incribles das que nos sentir orgullosas e orgullosos.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?
-Deséxolle moita sorte e que dea entrada a novas sensibilidades e novas voces. É importantísimo ter medios de comunicación de noso, alternativos e plurais. Cómpre que o Sermos siga a ser a xanela pola que enxergar a cultura e a realidade propias, mais é preciso que esa voz sexa abondo plural para representar boa parte da sociedade que defende este pobo e esta cultura. E sei que non é pouco pedir!

Comentarios