Cultura

Cultura foca as peticións ao Goberno estatal no Xacobeo

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, trasladou ao ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, as peticións da Xunta en material cultural
Román Rodríguez na videoconferencia co ministro de Cultura.
photo_camera Román Rodríguez na videoconferencia co ministro de Cultura.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo onte unha reunión por videoconferencia co ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, na que participaron tamén responsábeis doutros territorios e da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp). A principal reivindicación do representante da Xunta ao Goberno estatal foi a solicitude de ampliación até 2022 das desgravacións fiscais previstas para o Xacobeo, medida que polo momento ten por límite o 30 de setembro de 2021. Segundo alegou, isto permitiría "seguir estimulando as achegas privadas e captar máis recursos", o que repercutiría no desenvolvemento de proxectos culturais e turísticos.

Rodríguez reiterou a petición de convocar un Consello Xacobeo extraordinario "para avaliar a situación do Camiño de Santiago" que, ante a proximidade do primeiro Ano Santo nunha década, "debe actuar como un motor de reactivación económica para as industrias creativas e a dinamización das zonas rurais". O titular de Cultura presentou tamén un paquete de medidas en materia fiscal e financeira, laboral ou de fomento do consumo, e trasladou as necesidades específicas do sector cultural galego, recollidas nas últimas semanas a través dunha rolda de encontros con representantes do audiovisual, o teatro, a danza ou o eido editorial.

Rodríguez amosou a vontade de colaborar co Pacto de Estado ao que chamou o ministro e avanzou que a Xunta está a traballar nun plan de reactivación cunha dotación prevista de 25 millóns de euros, coa prioridade de "manter o emprego" no sector, dado que será un dos últimos en saír da parada provocada pola actual emerxencia sanitaria.

Comentarios