A Consellaría de Cultura deixou sen executar 12 millóns de euros no ano 2021

A Consellaría de Cultura, cuxo titular é Román Rodríguez, deixou sen executar do seu orzamento de 2021 máis de 12 millóns de euros.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, gabou o decreto de plurilingüísmo (Foto: Xunta da Galiza)

A deputada nacionalista Mercedes Queixas, que o denunciou no Parlamento galego, sinala en declaracións a Nós Diario que a decisión de non investir a totalidade do orzamento previsto para esa anualidade prodúcese, precisamente, nun momento onde o sector cultural está a padecer de xeito moi acusado as consecuencias da pandemia.

Queixas indica que o último Barómetro da Cultura galega certifica que “75,7% das empresas enquisadas segue a padecer unha facturación inferior á de 2019, sendo as artes escénicas  as que padeceron perdas na facturación superiores a 50%”.

Na mesma liña, significa que “en xullo de 2020, só 3,3% das empresas tiñan expectativa de non ter perdas na facturación”, porén, un ano despois, "esa porcentaxe sobe a 22,7%”, malia a ser “a cultura unha das  actividades máis seguras que se desenvolveron”.

Sector do libro

A deputada exemplifica nas políticas destinadas ao sector do libro a “incapacidade” e o “desleixo”, dixo, do Goberno do PP nas partidas “dedicadas a dinamizar a lectura en galego, que son 60% menores que no ano 2009”, malia ser maior o orzamento de 2022.

Comentarios