A cultura da Terra móstrase no Festigal

Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Superoito, Caxade, Carapaus, Habelas Hainas, Maianas, O Mago Antón e Ibuprofeno teatro actuarán no Festigal 2015 que terá lugar os días 24 e 25 en Compostela, no marco do Día da Patria. 

festigal2015
photo_camera festigal2015

“O Festigal vén cargado de música da Terra”, dixeron os Carapaus despois da presentación esta terza feira en Compostela do Festigal, o encontro da cultura galega que se desenvolverá no campus sur de Santiago de Compostela os 24 e 25 de xullo no marco do Día da Patria Galega. 

Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Ibuprofeno Teatro, Superoito, Caxade, Carapaus, o Mago Antón Habelas Hainas e Maianas compoñen un programa que se completa até un cento de actividades que forman a xenerosa proposta do Festigal que, máis unha vez, se converte en escaparate da actualidade da nosa cultura. 

Aposta pola creatividade 

Trátase dunha “aposta polo talento e a creatividade do noso país”, en palabras de Alberte Mera, de Galiza Nova, que defende que a cita quere “reivindicar a nosa cultura, en momentos en que as institucións e poderes intentan calar a nosa nación, a nosa lingua, artistas e novos valores”. 

A xornada do 24 serán As Maianas quen abran un programa como gañadoras do concurso “Novos Valores Festigal 2015. A seguir subirán ao escenario Habelas Hailas para, despois, abrirlle o paso a Caxade que, canda a Banda de Música a Bandeira presentará unha das sorpresas musicais do ano. Ruxe Ruxe e 4Sokram pecharán a xornada. Para o día 25 resérvase un espectáculo do Mago Antón, o humor de Isa Risco e Marián Bañobre con “O Furancho” ademais do folk de Carapaus e o rock de Familia Caamagno e Superoito. 

Música, teatro, presentacións de libros, debates, coloquios, espazo infantil, obradoiros, deporte, artesanía... son algúns dos ámbitos do programa dun encontro que se celebra desde 2002 e conseguiu o pasado ano o premio da música Martín Códax como mellor festival galego. Conta tamén coa posibilidade de acampada na noite do 24, para o que se hai que inscribir en [email protected] por un prezo simbólico de 3 euros. 

Comentarios