mércores 03.06.2020
ARMANDO REQUEIXO, PREMIO REIMÓNDEZ PORTELA

"A cultura é a columna vertebral dun pobo"

A sinatura de Armando Requeixo é presenza habitual en suplementos, revistas e xornais, sempre e cando se escriba sobre literatura galega. A pasada sexta feira, o seu labor de divulgación e crítica era recoñecido co premio Manuel Reimóndez Portela da Estrada na súa viséximo segunda edición. "No xornalismo cultural traballamos con materia altamente sensíbel", indica a Sermos, "porque a cultura é a columna vertebral dun pobo".

Armando Requeixo
Armando Requeixo

"O xornalismo cultural debe vivificar a identidade colectiva", insiste Requeixo (Mondoñedo, 1971), quen considera que, debido a esa responsabilidade, o oficio ten "un cometido engadido". A tradición, as artes, a cultura no sentido cinxido á expresión estética, son, para o tamén experto no poeta Xosé María Díaz Castro, elementos centrais para a construción dun país. E aqueles e aquelas que escriben sobre eles na prensa participan moi directamente na tarefa.

De "francamente bo" cualifica o estado xeral da disciplina pola que foi galardoado. "A calidade dos que exercen a profesión en Galiza non ten nada que envexar a doutros países achegados", di, aínda que puntualiza: "Outra cousa son as condicións en que se desenvolve, que non sempre son óptimas". Os materiais premiados na Estrada -os artigos Rosalía voa alto, Palabras para o Alén, Lingua Zombi, Cando iso non pode pasar aquí e De rosas e letras- foron publicados no diario Faro de Vigo, co Diario de Ferrol un dos medios en que Armando Requeixo difunde habitualmente o seu traballo.

Con proverbial optimismo -"moderado", asegura el-, considera que a cultura galega atravesa un bo momento. "Poden dicirnos que, se cadra, soñamos de maís. Pero esa é a gasolina que nos alimenta", opina. E remite aos recoñecementos foráneos a "escritores, músicos e artistas" como proba da súa tese: "Porque fóra non regalan nada. Outra cousa é que sexamos quen de convencer aos nosos concidadáns, e coterráneos, desa excelencia".

O conflito lingüístico tamén ocupa as súas reflexións. De novo cunha ollada singularmente positiva. Entende que os medios de comunicación "espellan a realidade sociolingüística" de Galiza, as súas carencias e as súas potencias, pero o espazo do galego neles parécelle insuficiente. "Debemos substanciar máis presenza da lingua nos medios", engade, "non obtante, imos na boa dirección, progresamos".

Na actualidade, Armando Requeixo exerce de secretario e investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Admirador incondicional das incursións no xornalismo cultural do seu paisano e "mestre" Álvaro Cunqueiro, a el xustamente dedicará o seu vindeiro libro xa no prelo: Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Guía literaria, que, editado polo concello da histórica vila, responde con exactitude ao que promete o seu título.

comentarios