O legado de Fontán: Cultura e ciencia urxen a protexer o patrimonio documental da Galiza

Unha reportaxe publicada no portal web de Nós Diario, dando conta da posta á venda dun exemplar do mapa de Fontán por 65.000 euros, pon no foco a necesidade de protexer o patrimonio documental galego. Achegamos a opinión de persoas expertas e investigadoras sobre a situación deste tipo de bens culturais.
MapaGaliciaIcon
photo_camera Detalle do mapa de Domingo Fontán á venda no mercado de segunda man en internet. (Foto: Nós Diario)

Na mañá da sexta feira Nós Diario publicou na súa edición electrónica unha reportaxe na que se daba noticia da posta á venda dun exemplar da carta xeométrica de Domingo Fontán, datada en 1845, por un prezo de 65.000 euros. Unha información que volveu pór no foco a desprotección do patrimonio cultural e, nomeadamente, documental da Galiza e a necesidade de artellar mecanismos e ferramentas institucionais que velen pola súa conservación e favorezan o seu estudo e investigación.

O coñecido como mapa de Fontán viviu un proceso de elaboración, exhaustivo, que se prolongou durante 17 anos. Tomou como punto de partida, ou quilómetro cero, a posición xeométrica e astronómica da torre da Berenguela da catedral compostelá e, desde alí Domingo Fontán percorreu a pé e a cabalo toda Galiza para recoller os principais accidentes xeográficos e 4.000 igrexas.

A carta xeométrica, que consta de 12 follas que miden unidas 251x232 centímetros, contén "información tan valiosa e tan singular para a historia da cartografía, xa non só da Galiza ou de España, senón posibelmente de Europa, e tamén da nosa propia historia nos últimos 200 anos, que debera estar gardado por institucións públicas que traballen no seu mantemento, na súa conservación e, sobre todo, que permitan que as persoas investigadoras que estudamos a obra de Fontán teñamos acceso directo a esa información", explica o profesor e responsábel do Laboratorio Cartográfico da Universidade da Coruña (CartoLab), Alberto Valera.

Xunto á decana de Matemáticas da Universidade de Compostela, Elena Vázquez, Varela é da opinión de que "nun caso como este, do que hai moitos exemplares en circulación, entendo que algúns poidan estar en mans privadas que tenten tirarlle beneficio económico", mais si consideran que é necesario protexer o legado do xeógrafo.

Na mesma liña pronúncianse o arqueólogo Felipe Senén e o historiador Cesáreo Sánchez. O primeiro considera que "as administracións deberan controlar e incluso adquirir este tipo de valores que teñen unha gran significación cultural e histórica". E sinala que hai ferramentas políticas de control, "non só hai que facer escavacións arqueolóxicas, senón tamén investigación e documentación". 

Cesáreo Sánchez apunta a necesidade de que se declare o mapa de Fontán Ben de Interese Cultural (BIC). "Isto implicaría, con obras como esta, que saísen á luz, a Administración galega tería a capacidade de comparecer para que non se vendese a alguén que non fose a propia institución", explica Sánchez.

O estudoso tamén sinala que "é importante que, dalgún modo, a Administración se responsabilice de que aquel patrimonio que estea fóra da Galiza e sexa posíbel recuperar se retorne, e o que non se poida recuperar que sexa dixitalizado e posto a disposición das investigadoras e dos investigadores galegos".

"Creo que este caso debe petar nas nosas conciencias e na responsabilidade da Administración sobre o patrimonio. O documental é o máis fráxil e o que esta máis exposto a estas vulneracións", recalca. Unha responsabilidade que Felipe Senén fai extensíbel a oficios como os dos teares ou da cantaría, que non dispón dun museo de iniciativa pública, "alén do Museo do Pobo Galego, que partiu do privado".

Consultada por Nós Diario, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza non achegou ningún comentario ao respecto.

Manuscritos de Cornide

Alén do mapa de Fontán, o arqueólogo Felipe Senén quere pór o foto noutro patrimonio documental, pois "mapas de Fontán abundan moitos, edicións moi diferentes e a prezos moi, moi desorbitados", pero sinala, en portais como o que agora o ten á venda, tamén se ofrecía "por un prezo semellante un manuscrito de Xosé Cornide co estudo orixinal sobre a Torre de Hércules".

"Por un prezo semellante hai un manuscrito de Xosé Cornide co estudo orixinal sobre a Torre de Hércules", informa Senén

Tamén Cesáreo Sánchez se referiu á documentación de Cornide para engadir que "o caso de Fontán debe servirnos para chamar a atención sobre o acceso ao patrimonio documental, que estea protexido para que poida ser investigado, traballado e transmitido ás xeración futuras".

O portal de compra-venda 'Todo colección' recolle un exemplar datado en 1845

A carta xeométrica da Galiza elaborada, no século XIX, por Domingo Fontán imprimiuse en París en 1845 e dous anos despois as 550 copias chegaron ao Estado español. Delas, 450 foron remitidas ao Goberno, 50 foron distribuídas entre deputados, senadores e gobernadores civís da Galiza, e os 50 restantes foron remitidos con posteridade e entregados ao Executivo galego.

Reproducións deste mapa están no Parlamento galego, no Pazo de Trasalba ou na sede da Real Academia Galega e agora, tamén á venda en Internet pola cantidade de 65.000 euros. O exemplar pono no mercado un residente en Madrid que fala do "bo estado de conservación” do mesmo, “tendo en conta que nunca foi restaurado”. "Estamos ante algo único polo seu valor histórico", afirma.

Comentarios