mércores 19.02.2020
DANIEL SALGADO, ESCRITOR E XORNALISTA

"A cultura, ao fin e ao cabo, consiste en ter unha vida mellor"

Atopamos ao Daniel Salgado poeta, tradutor e xornalista coordinando 'Cairón', a revista do Instituto de Estudos Ulloáns. E aproveitamos a circunstancia para sabermos máis deste comarca do centro do país e tamén dos seus futuros proxectos, nos que que se inclúe unha tradución do poeta beatnik Ferlinghetti ou un libro de conversas con Martiño Noriega.

Daniel Salgado [Foto: Andrés Fraga]
Daniel Salgado [Foto: Andrés Fraga]

- Hai tempo que non tiñamos novas do Daniel Salgado poeta, músico ou xornalista. E agora regresas dirixindo Cairón, a publicación do Instituto de Estudos Ulloáns. Cóntanos deste repregamento aos cuarteis de inverno en Monterroso. 

- Máis que dirixir é coordinar. É unha proposta que vén do Instituto de Estudos da Ulloa, que se funda ao mesmo tempo que se decide facer esta revista. Hai ano e medio que se constitúe con xente dos tres concellos da Ulloa. E unha das primeiras propostas é facer este boletín, e todo o mundo dixo "que o coordine Dani". Así foi a cousa. 

Cairón-1

- Cairón é un lugar que non existe. Cóntanos a historia deste nome. 

- Cairón é un topónimo que o poeta Lorenzo Varela, que é orixinario de Monterroso a pesar de que naceu na emigración e pasou boa parte da vida exiliado polas súas ideas galeguistas e comunistas. É un topónimo que el usa nun poema, escrito en castelán, cando a liberación de París dos nazis. Entón el escribe un texto que se titula "Ofrenda aos franceses" no que di que el non ten nada, que é un pobre exiliado, que lle quitaron o seu país, a súa aldea. E escribe Cairón, un topónimo que eu non conseguín ubicar, nin eu nin ninguén que eu coñeza da zona. Probablemente faga alusión á Serra do Careón, que é a que pecha a comarca da Ulloa contra o oeste, que se vía desde a súa aldea onde pasou a súa infancia. 

Ao final toda esta maneira de facer cultura de base ten como unha filosofía do común por detrás, que é moi interesante e moi produtiva, ademais de darlle un pouco de vida á zona que se cadra economicamente ou a nivel material non o teñen fácil

- Contades que o voso obxectivo é "facer bisbarra", que supoño que é compartido coa organización que o promove. Que está a facer este Instituto de Estudos Ulloáns?

- Fai o tipo de actividades que fan este tipo de asociacións. De feito, hai unha rede de asociacións que hai por moitas comarcas de Galiza. E o ano que vén temos como obxectivo facer unha xuntanza delas na Ulloa. No caso da nosa, ademais da publicación, programamos conferencias, estamos pescudando na historia dos tres concellos e poñéndoo en común a través de palestras informativas. E logo, colaboramos tamén con outras asociacións culturais da zona para todo tipo de actividades, desde a Feira da Cultura e do Libro Galego de Monterroso até a Mostra de Teatro de Palas de Rei. Outra das ideas é facer unha colección de libros máis literarios. O primeiro número, que debe estar case rematado, será unha serie de relatos sobre a comarca con escritores de dentro e de fóra da Ulloa. 

- Que está a pasar na Ulloa que sendo unha comarca de escasos 10.000 habitantes non para de moverse e de ser referenza por diferentes cuestións?

- Non sei, é curioso, porque son 10.000 habitantes e minguantes, ademais. Xa sabes que no interior de Galiza a pirámide demográfica non é moi alentadora, pero si é certo que nos últimos anos coincidiron varias cousas. A finais deste mes é o Festival Agrocuir, que é unha cousa interesantísima e única, que paga moito a pena coñecer; logo o Instituto; a asociación 25 Xastres, que é a que organiza esta Feira da Cultura que comentaba antes. Supoño que son coincidencias dunha serie de persoas moi activas e que miran moito polo ben común, porque ao final toda esta maneira de facer cultura de base ten como unha filosofía do común por detrás, que é moi interesante e moi produtiva, ademais de darlle un pouco de vida á zona que se cadra economicamente ou a nivel material non o teñen fácil, como todo o interior de Galiza. 

Galiza é un país que deixa de ser esencialmente agrícola no interior e mariñeiro na costa nos últimos 30 anos. Como iso non vai crear traumas colectivos?

- Cal cres que é o futuro máis desexable para unha comarca deste tipo?

- O futuro máis desexable sería poder fixar poboación alí con traballo digno e oportunidades de vida, laborais sobre todo, que son as que fundamentan despois o resto de cuestión da vida das persoas. Eu véxoo complicado porque os problemas son estruturais e non comarcais, son nacionais. Son problemas de país moi profundos e graves que se veñen arrastrando de hai moitos anos. E cos actuais responsables políticos non podo ser moi optimista. As perspectivas optimistas son as que dan este tipo de cousas, de xente que se autoorganiza para intentar ter unha vida mellor. Porque a cultura, ao fin e ao cabo, consiste niso, en ter unha vida mellor. 

- Lendo algunhas das historias de Cairón, como a da revolta antifiscal na Feira de Monterroso de 1790, tiña unha certa sensación de que calquera tempo pasado era mellor. 

- Agora mesmo non teño na cabeza os datos do século XVIII, pero durante o século XX a comarca tivo máis poboación da que ten agora. Galiza é un país que deixa de ser esencialmente agrícola no interior e mariñeiro na costa nos últimos 30 anos. Como iso non vai crear traumas colectivos? Toda esa gran transformación aconteceu en Europa nun século e en Galiza en 30 anos. E iso, na nosa zona, é o paso dun país agrícola a outra de pensionistas e de servizos precarios no que vive a maior parte da xente. Non sei se mellor pero desde logo había xente. Pero por outra banda, non idealizo o pasado nin moito menos. Ser campesiño na Ulloa no século XVIII non creo que fora nada envexable. 

- Volvendo a ti, hai tempo que non publicas, a túa banda -DasKapital- tamén cesou actividade... Que podemos agardar de ti nos vindeiros tempos a nivel creativo?

- Estou escribindo, sempre estou escribindo poemas. E estou a facer unha tradución de Ferlinghetti, o poeta beatnik, que vai saír en Positivas no outono. É un libro de aforismos precioso que se titula 'A poesía como arte insurxente'. 

- Tamén escoitei que estabas a escribir un libro sobre Martiño Noriega. 

- Sobre non [risos]. É un libro de conversas sobre estes últimos cinco anos de política en Galiza, convulsos e acelerados. 

"A cultura, ao fin e ao cabo, consiste en ter unha vida mellor"
comentarios