VIII A residencia

Rodrigo Cuevas e Ortiga crean e gravan un tema xuntos

Ponse en marcha a octava edición do proxecto “A residencia”, laboratorio musical promovido pola Fundación Paideia Galiza, a través dos Estudios Mans e en colaboración coa emisora musical Radio 3.
RodrigoCuevas-Ortiga
photo_camera Rodrigo Cuevas e Ortiga. (Foto: Fundación Paideia)

O obxectivo do proxecto A residencia é o de pór a disposición de artistas chegados de diferentes estilos musicais un espazo anovador de experimentación. 

Nesta ocasión o artista asturiano Rodrigo Cuevas e mais o compostelán Ortiga van partillar a residencia musical dunha semana de duración.

Neste tempo, ambos os dous artistas desenvolverán o seu proceso creativo co obxectivo de compor e gravar un tema inédito.

A gravación terá lugar nos estudos Mans, na vindeira sexta feira, e presentarse ao público dentro do programa de Radio 3 Hoy empieza todo, que se emitirá en directo entre as 7 e as 9 da mañá, desde o propio estudio.

Polo proxecto “A residencia” xa pasaron, nas edicións anteriores, bandas e artistas da escena galega e portuguesa e do Estado español como Izal, Depedro, Amaro e Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Viva Suecia, Rufus T. Firefly, Luisa Sobral, Zahara, Novedades Carminha, Dellafuente ou Coque Malla e mais Morgan. 

O perfil dos artistas

O músico asturiano Rodrigo Cuevas descríbese a si mesmo  como “axitador folclórico”. Ten dous traballos discográficos no mercado, Prince of Verdiciu e Manual de Cortejo, e é un referente da experimentación musical coa tradición popular como base. 

Ortiga, pola súa banda, é o proxecto unipersoal do compostelán Manuel ‘Chicho’ González. Un espectáculo musical no que fusiona ritmos pop, con melodías de verbena e con cumbia e co uso do autotune e de sintetizadores MIDI.

Comentarios