venres 23/07/21

En cuestión o decreto sobre o espazo público compostelán

O novo regulamento da concellaría de Mobilidade e Festas de Compostela, relativo á realización de actividades artísticas na vía pública concitou nas últimas semanas diversas manifestacións en contra, tanto desde os grupos da oposición como desde os colectivos de artistas e artesáns de rúa. 
WhatsApp Image 2021-04-15 at 20.22.53
Imaxe dun dos postos de artesanía da praza do Obradoiro. (Foto: Nós Diario)

O novo regulamento da concellaría de Mobilidade e Festas de Compostela, relativo á realización de actividades artísticas na vía pública concitou nas últimas semanas diversas manifestacións en contra, tanto desde os grupos da oposición como desde os colectivos de artistas e artesáns de rúa. 

Estes últimos reuníanse o pasado 8 de abril no Concello e agardan agora a que o documento que se presente no pleno da próxima semana recolla unha serie de melloras, acordadas co responsábel de Mobilidade, Gonzalo Muíños, mais polo de agora prefiren “non adiantar acontecementos”.

Noutra liña mais sobre a mesma cuestión, Compostela Aberta anunciaba esta quinta feira, 15 de abril, a presentación no próximo pleno dunha moción para pedir a retirada da nova normativa que regula estas actividades nos espazos públicos. A concelleira Branca Novoneyra urxiu o Goberno municipal a “rectificar, retirando o decreto, que foi aprobado sen diálogo cos artistas e artesáns”, puntualizou. 

Novoneyra lembrou a existencia dun acordo, do pasado outubro, polo que se elaboraría unha normativa consensuada co colectivo de artesáns e artistas de rúa. “O Goberno de Bugallo volve exercer a soberbia que o caracteriza e ampárase no contexto da pandemia para actuar sen a mínima transparencia”, afirmou a concelleira.

Tamén lembrou que no lugar de planificar as actividades na rúa de cara ao Xacobeo, o concelleiro Gonzalo Muíños, “desatendeu o problema” e o 22 de setembro presentou un decreto polo cal no primeiro trimestre deste ano non se outorgaría ningún permiso para a realización deste tipo de actividades.

Novoneyra lembrou que, hai máis dun ano, se aprobou unha moción dos catro grupos locais “para a protección das actividades de rúa e para a planificación estratéxica do Ano Santo”.

Mentres, o colectivo Artistas de Santiago denunciaba, o pasado 9 de abril a raíz da publicación da normativa provisional, que detectaban “flagrantes irregularidades como, negar as condicións abusivas das licenzas ou o desterro a lugares afastados”.

O colectivo afirma que coa publicación das últimas listaxes se “reiteran os incumprimentos nos procedementos dos concursos de adxudicación de prazas e quedan patentas as represalias a varios compañeiros por mor das protestas públicas.

comentarios