CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Cub'

Un dos filmes da sección Fantastique de Cineuropa. 

Cub

CUB
Welp
(Bélxica 2014, 93 min.)
Dirección: Jonas Govaerts
Guión: Jonas Govaerts, Roel Mondelaers
Fotografía: Nicolas Karakatsanis
Música: Steve Moore
Elenco: Maurice Luijten, Stef Aerts, Evelien Bosmans, Titus De Voogdt, Jan Hammenecker, Gill Eeckelaert

SINOPSE
Aos 12 anos, Sam ve como os seus compañeiros de campamento desconfían del. Un día descobre unha estraña casa nunha árbore, onde atopa a un misterioso neno salvaxe. Cando Sam tenta advertir aos seus compañeiros, estes ignórano.

CRÍTICA
Últimos días do Cineuropa Compostela e non podía deixar pasar a oportunidade de botar un ollo á interesante sección Fantastique. En concreto chamoume a atención unha pequena película belga, país moi “de moda” nas últimas semanas, que acadou no Festival de Cinema Fantástico e de Terror de Sitges o Premio a Mellor Director. O título (Cub/Welp) significa “cachorro” en flamenco/holandés, facendo referencia a un dos “castores novos” que vai a un particular campamento de boys scouts baixo a tutela de tres coidadores adultos, que non maduros que montan o chiringuito no medio do bosque lonxe de todo. “Por algunha estraña razón” intuímos que non vai ser un simple paseo campestre, sobre todo tras presenciar a brutal secuencia inicial dunha muller ensanguentada escapando de noite polo medio do bosque. Inda que a cousa comece polo final, como para poñernos en vilo sobre que motivos puideron levar a tal situación, mais tendo un mínimo de cultura no xénero non é algo polo que emocionarse demasiado.

WebTampouco o tema manido do campamento é material novo, Venres 13 por exemplo, e outras moitas homenaxes ao xénero que iremos descubrindo ao longo da fita. Para empezar o nome do lugar Casselroque vai en clara alusión ao recorrente Castlerock (Maine) de Stephen King. Alá anda agochado un neno salvaxe cunha máscara de madeira xunto a unha estraña presenza que parece manexar os fíos das rudimentarias, pero efectivas trampas mortais que ten espalladas por todo o bosque... Un chisco de A matanza de Texas (1974, Tobe Hooper), Suspuria (1977, Dario Argento) ou Wolf Creek (2005, Greg McLean), entre outras... e xa temos Cub.

O certo é que non hai nada que calquera afeccionado/a non vira anteriormente, pero iso non lle resta un ápice de mérito ao debut do prometedor Jonas Govaerts. Presenta un filme onde non esconde as súas referencias e clixés do xénero mais tamén vai un punto máis aló afondando nos instintos máis primarios do ser humano a través dos ollos dun preadolescente de hormonas disparadas, dúbidas existenciais, certos problemas de conduta e un parecido bastante razoable co River Phoenix de Conta comigo (1986, Rob Reiner). Cub apunta cousas verdadeiramente interesantes que iremos descubrindo en pequenas doses habilmente fornecidas para poñer a proba eses mecanismos de defensa que nos protexen desas rexións primarias do cerebro que cremos durmidas. Terror intelixente e retorcido para degustadores do xénero. Un último aviso, por se non queda claro... “ningún animal, ou neno, foi danado durante a filmación da película”.
 

Comentarios