Yolanda Ríos

"Os cuartos deixaron de ser espazos privados"

A investigadora de Belas Artes da Universidade de Vigo Yolanda Ríos estuda na tese A construción sensíbel do espazo privado na arte: do cuarto propio ao cuarto propio conectado a evolución que este tipo de lugares sufriron, especialmente pola introdución das novas tecnoloxías. A súa práctica artística, entre a escultura e a arquitectura, retroalimenta a investigación destas cuestións.
Yolanda Ríos Coello
photo_camera Yolanda Ríos Coello

A que nos referimos con espazo privado na arte?

A un espazo habitualmente afastado das olladas, de intimidade e reservado para o ámbito familiar e das persoas máis próximas. Enténdese en oposición ao espazo público, onde o interese de todas as persoas prima sobre o privado.  

Que evolución presenta?

Na Idade Media o espazo privado case non existía, pois no ámbito doméstico realizábanse todas as funcións nun mesmo lugar. O importante naquel momento era o que as persoas amosaban de cara á sociedade, non resultaba tan relevante o que pasaba dentro da casa. A partir de aí comezaríase a diferenciar o espazo privado dentro da vivenda, sempre en relación coas melloras económicas. Holanda foi un dos primeiros sitios nos que aconteceu. Aparecen as estancias separadas, cun "espazo propio para min". A partir da burguesía comézanse a facer máis separacións, traendo consigo que, despois dunha época na que non era importante, se pase a comprender que a intimidade era algo moi cosubstancial ao individuo. Coa introdución de novas tecnoloxías na metade do século XX, ou máis cara aos nosos días, prodúcense tamén determinados cambios. Porque desde a miña cama podo estabelecer contacto con outras persoas. Hoxe en día, a xeración Z e a dos millennials xa non teñen esa preocupación por preservar determinadas cuestións persoais. Mostran aos demais aspectos como o corpo nu ou determinados elementos que eu considero privados.

Hoxe en día, a xeración Z e a dos millennials xa non teñen esa preocupación por preservar determinadas cuestións persoais.

Identifica un risco de que o privado se transforme en espectáculo?

Efectivamente. Hai determinados artistas que tamén dalgunha maneira así o senten filósofos, sociólogos... Temos o caso do Gran Hermano ou cuestións máis comúns con amigos ou con coñecidos.

Todo isto leva a falar do propio ao propio conectado.

Si, este título vén dun libro de Mercedes Zafra que se chama Un cuarto propio conectado. (Ciber)espacio y (auto)gestión del yo. Ela fala precisamente de que os cuartos deixaron de ser espazos privados. Agora teñen conexión wifi e un aparato tecnolóxico para conectarte con quen queres. Vén de aí, enlazando con Virgina Woolf.

As prácticas feministas influíron especialmente no uso do íntimo na arte?

Si, penso que si. Na miña tese non o desenvolvo nun capítulo específico. Mais é certo que si que se cuestionan moitas máis cousas co papel da muller no espazo doméstico.

Comentarios