Viñetas desde o Atlántico

Un cuarto de século de banda deseñada

Viñetas desde o Atlántico, o festival de banda deseñada de referencia na Galiza, chega este ano a súa vixésimo quinta edición. Un cuarto de século en que soubo gañar un espazo no panorama internacional e no que se converteu en punto de encontro de creadores e público.
A 'rúa da BD', instalada nos xardíns de Méndez Núñez, conta con corenta casetas de diferentes editoriais.
photo_camera A 'rúa da BD', instalada nos xardíns de Méndez Núñez, conta con corenta casetas de diferentes editoriais.

Hai agora un cuarto de século, o 17 de agosto de 1998, abría as súas portas a I edición de Viñetas desde o Atlántico. A súa sede era a Estación Marítima da Coruña, e celebraba os sesenta anos de Superman e os corenta de Mortadelo y Filemón. Miguelanxo Prado, impulsor do evento, declaraba que se trataba de "encher a cidade de cómic, atraer o público como quen sementa grans de millo para levar as pitas ás exposicións". 

Os xardíns de Méndez Núñez víanse de súpeto invadidos pola banda deseñada, podía visitarse unha antolóxica dedicada a Jean-Claude Mezières -un pioneiro da ciencia ficción na BD- e por eles paseaban autores como Pere Joan, Fernando de Felipe, Adam Hughes ou Regis Loisel. 

Non eran os mellores tempos para a banda deseñada e A Coruña quedaba moi lonxe dos centros editoriais que marcaban o ritmo da historieta internacional, mais a iniciativa contou co apoio do público -e tamén co do alcalde da cidade, Francisco Vázquez, un confeso lector de cómics que posúe unha vastísima colección persoal- e nos anos seguintes, Viñetas desde o Atlántico foi consolidándose malia a inestabilidade nos orzamentos que caracterizou o seu desenvolvemento. Vinte e cinco anos despois, o encontro da Coruña é un festival consolidado e recoñecido a nivel internacional e, sobre todo, cunha personalidade que o diferencia doutros eventos. As feiras de referencia naquel momento eran Angoulème e Barcelona, mais ao contrario que estes, Viñetas desde o Atlántico apostou desde o principio por deixar de lado o aspecto máis comercial  para crear un modelo no que se dan a man a feira, o encontro e o debate. 

Punto de encontro 

Manuel Barreiro, crítico de banda deseñada, cre que "outros festivais como Angoulème e Barcelona teñen unha compoñente mercantil moi marcada, o que as distancia moito da sociedade, tenden máis ao ghetto profesional. Viñetas, porén, ao no prestar tanta atención a esa vertente comercial, intégrase mellor na cidade: a xente préstase máis a un intercambio amábel. De feito, mesmo entre os autores e autoras que acoden á Coruña, o festival ten fama de ser o lugar onde poden quedar e falar entre eles, cear ou tomar unha cervexa tranquilos, sen as presións comerciais doutros eventos deste tipo". 

A aposta do Concello da Coruña semella válida e duradeira, mais tamén ofrece algunhas dúbidas. Segundo Barreiro, "Viñetas do Atlántico é moi dependente do financiamento local e iso podería non xogar ao seu favor de cara ao futuro. É certo que, durante todos estes anos, case sempre gobernou o mesmo partido e que nas lexislaturas nas que gobernaron outros, ninguén se atreveu a retirarlle o orzamento. Mais tampouco houbo nunca incrementos espectaculares e, se cadra, esa é unha forma de non permitirlle medrar". Dada a relevancia que adquiriu, quizais outras administracións deberían implicarse máis no futuro de Viñetas, aínda que, matiza Barreiro, "sen que se institucionalice tanto que perda ese carácter case familiar que agora posúe. A cuestión estaría en atopar o punto de equilibrio".

Figuras internacionais do cómic galego

Entre os nomes que estarán presentes na edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico atópanse artistas galegos que coñeceron o festival na súa infancia e mocidade como Alicia Jaraba, que sorprendeu a todos coa súa obra Celle qui parle, David Rubín (Gran hotel Abismo) ou Emma Ríos (A cousa do pantano: Contos da ciénaga), hoxe dous creadores consagrados internacionalmente.

Ademais das mostras individuais dedicadas a cada persoa convidada, o festival desenvolverá a exposición colectiva comisariada por Toni Guiral Viñetas: a ciencia dos océanos que se poderá ver no Aquarium Finisterrae. Tamén se exporán os orixinais do Premio Castelao de Banda Deseñada 2021 e mais da obra María Casares. En tres actos de Inés Vázquez, Rubén Rial e Dani Xove, con guión de Manuel L. Poy. 

Que significou exactamente Viñetas desde o Atlántico para a banda deseñada galega? "É un pouco a demostración de que podemos ser o que queiramos", subliña Barreiro. "Viñetas desde o Atlántico non partía de cero, xa existiran as Xornadas de Ourense, o movemento dos fanzines de Vigo nos 80... Pero con eses poucos vimbios logramos ter un escaparate internacional para o cómic galego. E iso outórgalle relevancia a un país como o noso. De feito, creo que é un síntoma de renovación que Autobán -o festival de autoedición e banda deseñada de autor que decorre na Coruña de forma paralela- nacese á sombra de Viñetas para complementala, para dar paso a novas formas de facer cómic que seguen enriquecendo o panorama da BD galega".

Alicia Jaraba, a nova promesa da BD galega

Entre as grandes sorpresas da banda deseñada galega está, sen dúbida, Alicia Jaraba, que onte explicou en Viñetas do Atlántico o seu traballo, especialmente de Celle qui parle, unha obra que sorprendeu a crítica e público en Francia, o lugar onde desenvolve na actualidade o seu traballo. 

Comentarios