A cuarta xornada de Atlántica espállase por dez localidades

Ferrol celebra dez anos como sede do festival.
Inácio Vilariño presentará 'Burromaquia' en Santiago. (Foto: Atlántica)
photo_camera Inácio Vilariño presentará 'Burromaquia' en Santiago. (Foto: Atlántica)

A cuarta xornada do Festival Atlántica esta quinta feira, 4 de xullo, coincide coa súa expansión por dez puntos do territorio. Así, os contos estarán en Santiago de Compostela, Teo, Ferrol, Mugardos, Ourense, Sanxenxo, Caldas de Reis, Rois, Vilalba e Portugal. Case unha vintena de artistas serán os responsables da programación dunha intensa xornada que se pode consultar na web festivalatlantica.gal.

O fino humor e as historias do afastado oriente chegarán a Compostela da man do xaponés Yoshi Hioki, quen fará dobrete cunha función para os máis cativos pola mañá (A princesa Anzú e os catro irmáns ninja, CSC As Fontiñas, 11.30 horas) e outra para adultos pola noite (Contos de xapón, CSC Maruxa e Coralia, 21 horas). Tamén está previsto outro espectáculo para nenos ás 12 horas: Burromaquia de Inacio Vilariño, no CSC A Gracias. Alén diso, os amantes da arte románica teñen unha cita con Carme Varela e Carola Casal na igrexa de Santa María de Figueiras para descubrir as marabillas que agocha este templo na visita Entre o ben e o mal, entre o ceo e a terra. Descifrando o código de Santa.

Nos concellos da contorna haberá tamén oportunidades para que os pequechos poidan gozar da narración oral e a música. Así, en Teo, no Parque dos Tilos, estará Vero Rilo con Elas, e Pakolas levará As máis molonas ata o CPPI dos Dices de Rois, ambos os dous espectáculos ás 12 horas.

Ferrolterra

Ferrol comeza a celebración dos seus dez anos como sede de Atlántica con múltiples actividades para todos os públicos, algunhas delas xa coas prazas esgotadas como os Xogos musicais de Luís Prego e Samuel Soto e o Roteiro pola escultura urbana de Ferrol con Guillermo Llorca. Por sorte, o público adulto poderá gozar coas historias e a música do dúo ‘En branca en negra’ formado por Cris de Caldas e Amor Herrera (Ida e volta, Parque Raíña Sofía, 21 horas). Ademais, no Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos estará Celso F. Sanmartín con Do monte ao mar todo é contar ás 21 horas.

Outras sedes

Mais Atlántica tamén estará pola mañá en Ourense con As aventuras de Mariña de Alba Bermúdez (11 horas, Biblioteca de Pública de Ourense Nós), en Sanxenxo con Pavís Pavós e os Contos coas orellas abertas (11 horas Biblioteca de Portonono) e en Caldas de Reis con Vulgarcito de Jaime Santos de La Chana Teatro (11 horas, Parque-Xardín Botánico). Máis tarde, ás 20.30 horas, actuará en Vilalba o narrador zamorano José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ con Historias de filandar.

Ao igual que en días previos, o festival seguirá a se celebrar en Portugal este xoves, desta volta cun paseo histórico a cargo de Júlio Marques a sesión Barrigas cheias de historias con Sofia Maul. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.

Comentarios