Cultura

A CRTVG anuncia o apoio a sete longametraxes

Tamén contrata a produción dun documental de actualidade sobre a COVID-19.
Plató da CRTVG (arquivo).
photo_camera Plató da CRTVG.

A Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) vén de anunciar a súa participación en sete proxectos cinematográficos, dentro das medidas anunciadas o pasado 8 de abril "para contrarrestar os efectos da COVID-19".

As obras seleccionadas inclúen: Estelas, primeira longametraxe de ficción do director Roberto Alvite; o documental de creación Nación, un sitio onde pousar a cabeça, de Margarita Ledo; e os documentais Onde máis doe, sobre a violencia de xénero, de Xamalú Producións; Patarinos, producida por Sétima Sociedade Cooperativa Galega; Morabeza, longametraxe documental producida por Kaito Estudios e dirixida por David Mon, e Verde, a cor da soidade, de Alberto Trabada. A maiores, realizarase unha TV movie sobre a figura da escritora e xornalista Sofía Casanova.

Para alén destas, a Televisión da Galiza escolleu o proxecto Tralo Coronavirus, da produtora M International Audiovisual, como documental sobre a COVID-19 que a canle vai contratar. A peza será dirixida por Mercedes García-Nieto. A comisión encargada de seleccionar, entre os dez proxectos presentados, esta peza que dirixirá Mercedes García-Nieto, destacou a "súa estrutura narrativa e o seu enfoque humano e vivencial", así como a viabilidade da súa fórmula de produción, que botará man do arquivo do medio.

Subvencións anuais do audiovisual

Ademais, publicouse no Diario Oficial da Galiza (DOG) de onte a convocatoria anual de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, cunha dotación de 2,5 millóns de euros. Amplíase de tres a catro anualidades a distribución das contías concedidas e a xustificación dos gastos, en catro das cinco categorías, ficando as curtametraxes coas dúas habituais.

Comentarios