Crónica do Fantasporto 2022: 40 anos de cinefilia

A 42ª edición do Festival Internacional de Cinema do Porto, o Fantasporto, volveu coa mesma enerxía dos seus mellores tempos. Se non fose polas máscaras nas salas do Teatro Rivoli, alternando entre o Grande e o Pequeno Auditorio, pensaríamos que estamos en tempos de prepandemia.
Jacinto, de Javi Camino, foi a única representación galega do certame.
photo_camera Jacinto, de Javi Camino, foi a única representación galega do certame.

Máis dunha semana cunha programación e actividades paralelas incontestábeis, só embazada pola controvertida decisión de retirar da grella o filme ruso Vladivostok, de Anton Bormatov. Un novo caso de boicot ruso, derivado da terríbel situación en Ucraína. Enténdese que se fai por sensibilidade cara o pobo ucraíno, mais son decisións que acaban por facer máis dano ás artes que ao propio Putin.

Filmes de até 28 países seleccionados durante os nove días de programación onde puidemos ver desde clásicos de sempre até filmes de culto, pasando por estreas mundiais, europeas ou premieres internacionais, animación, tamén cinema portugués e unha especial atención ao cinema que chega desde Oriente. De feito, o filme de apertura recaeu en xxxHolic, de Mika Ninagawa, a agardada adaptación live action do manga homónimo.

Unha historia de cinema

Nove xornadas de deliciosa cinefilia, con títulos como Blade Runner, Mogambo ou Adiviña quen vén esta noite. Tamén houbo tempo para presentar varios libros, entre os que destacou unha completa retrospectiva do festival, escrita por Beatriz Pacheco Pereira, cofundadora do certame xunto Mário Dorminsky, titulada: Fantasporto 40 anos: Uma História de Cinema, e aderezada cunha exposición histórica dos cartaces do Fantasporto.

Pero o mellor, como non podería ser doutra forma, estivo reservado para o sábado 9, o día da gala de entrega de premios, con, esta si, homenaxe previa ao pobo ucraíno coa estrea mundial da comedia dramática Everything, Nothing and Something Else, de Marina Kondratieva. O domingo, como é habitual no Fantasporto, estivo reservado para a proxección das películas premiadas.

Entre as galardoadas, destacar o Gran Premio para a estadounidense Follow Her, de Sylvia Caminer, que tamén acadou o do Público e o de Mellor Actriz (Dani Barker).

Máis recoñecementos

A xaponesa Baby Assassins, de Hugo Sakamoto, obtivo o Premio Especial do Xurado da sección 'Orient Express' e a surcoreana Mogadisyu, de Seung-wan Ryoo, o de Mellor Filme. Na sección 'Cinema Fantástsico', o Premio Especial do Xurado foi para a británica Barbarians, de Charles Dorfman, e a Mellor Realización para Alejandro Hidalgo, por The Exorcism of God. O Mellor Filme Portugués foi Misericórdia, de Gonçalo Loureiro.

Horas antes da entrega de premios, a xornada discorreu entre Casablanca, Cantando baixo a choiva, THX 1138 e Ninotchka, nada menos, rematando en, redobre, a multipremiada Jacinto, de Javi Camino, a única representación galega do certame. Se ben era o segundo día que proxectaban Jacinto no Fantasporto, a sala estaba case tan ateigada como a vez primeira, e iso que a proxección coincidía en tempo coa gala de clausura. Algo debía cheirarse no ambiente pois a cinta de Javi Camino, producida por Vizuals Lab, acabou levando o Premio a Mellor Filme da 'Semana dos Realizadores', xunto co Premio a Mellor Actor, ex-aequo para Juanma Buiturón e Pedro Brandariz.

Que enorme baleiro deixaches, Pedro...

En definitiva, este foi un Fantasporto con moitas luces e algunhas sombras, poucas pero atronadoras. O ano que vén, máis. Oxalá con máis presenza galega... e menos boicots.

Comentarios