Manuel Xestoso é galardoado co Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto

O crítico e xornalista Manuel Xestoso vén de recibir o prestixioso Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto, no marco do Festival de Almada, en Portugal, pola crónica “O público é quen máis ordena”, publicada en Nós Diario.
O crítico e xornalista Manuel Xestoso recibiu este domingo o Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto (Foto: erregueté).
photo_camera O crítico e xornalista Manuel Xestoso recibiu este domingo o Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto (Foto: Nando Iglesias).

O crítico e xornalista Manuel Xestoso recibiu este domingo o Grande Prémio de Jornalismo Internacional Carlos Porto, no espectáculo de feche do Festival de Almada, pola crónica sobre este encontro publicada en Nós Diario en 2020, “O público é quen máis ordena”.

Nun comunicado divulgado pola Cámara Municipal almadense, o xurado destacou que o artigo “O público é quen máis ordena”, polo que mereceu este importante galardón, capta a "essência do festival, abordando a sua multiplicidade, recorrendo a testemunhos dos intervenientes. A escrita transporta o lector para a sala do espetáculo e para o ambiente do festival", indican. O xurado tamén menciona "a subtileza da crítica ao desinterese de algumas autoridades perante a cultura".

En declaracións a Nós Diario, Xestoso conta que recibiu o galardón con "sorpresa e agradecemento", "porque non é habitual que as persoas que nos dedicamos á crítica obteñamos un recoñecemento", explica. 

Non obstante, Manuel Xestoso xa obtivera unha mención honrosa por unha serie de críticas sobre espectáculos da edición de 2016 do Festival. 

Grande Prémio de Jornalismo 

O premio, que toma o nome do crítico de teatro e dramaturgo Carlos Porto, un dos artífices do teatro contemporáneo en Portugal, "destínase a galardoar o autor do mellor texto, ou conxunto de textos, publicados na prensa portuguesa e estranxeira, que teña por obxecto o Festival de Almada".

Ademais do Grande Prémio Carlos Porto, concedéronse os premios Carlos Porto para prensa especializada (ao crítico italiano Tommaso Chimenti, do xornal dixital Recensito) e o premio Carlos Porto para a prensa xeneralista (a Gonçalo Frota, do xornal portugués Público). Finalmente, houbo dúas Menções Honrosas a Maria Leonor Nunes, do Jornal das Letras, e a José Gabriel López Antuñano, da Revista ADE-Teatro de Madrid.

A cerimonia de entrega tivo lugar no Teatro Municipal Joaquim Benite de Almada, antes do espectáculo de feche do festival, o Lorenzaccio de Alfred de Musset nunha versión dirixida por Rogério de Carvalho. 

Crítico cultural e escritor, Manuel Xestoso traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e como colaborador en diversas publicacións periódicas, e foi subdirector da Revista Galega de Teatro. Na actualidade forma parte do equipo de Nós Diariocomo xornalista e crítico teatral e como coordinador do semanario Sermos Galiza.

Comentarios