Andrés Castro, autor da curta 'O cartaz'

O crítico vira en cineasta

Entre as nove curtametraxes proxectadas na sección Fetus do Festival de Cinema Fantástico da Coruña FKM, dedicada a novos creadores e obras de baixo orzamaneto, atopábase O cartaz. Obra de Andrés Castro (A Coruña, 1976), crítico cinematográfico de Sermos Galiza, a breve peza encaixa antes no xénero do suspense ca no terror e a ciencia ficción que dominaron o certame.
 

O crítico cinematográfico Andrés Castro
photo_camera O crítico cinematográfico Andrés Castro no FKM da Coruña. Foto: cedida

Unha iniciativa do Concello de Pontevedra posibilitou o traballo de Castro baixo a titoría de Pablo Cacheda, autor da exitosa serie web Clases do social. "Así puiden darlle continuidade a unha afección, a algo que me gusta", explica, "desenvolvemos unha historia que foi mudando durante a rodaxe". O machismo e as tensións provocadas polas redes sociais son asunto central en O cartaz, gravada no verán en Pontevedra e montada a finais de agosto.  

Como observador atento do mundo cinematográfico, Andrés Castro confésase seguidor da súa vertente fantástica. Alien (1979) e Blade Runner (1982), os dous grandes clásicos do estadounidense Ridley Scott, cóntantse entre os seus filmes de cabeceira. Mais, ao contrario de certas tendencias críticas, Castro non considera que o intre histórico sexa propicio para o terror (apocalíptico) ou para as distopías.

"Sempre houbo filmes distópicos", di, "non creo que sexa nada especialmente significativo da actualidade. É un xénero ao que hai moita xente adepta". Sempre houbo filmes distópicos  e de terror pero apenas en Galiza, engade. "Non se practica moito este tipo de cinema, imaxino que por escaseza de orzamento ou de saída para os filmes". Só algúns exemplos de culto, do mito trash de A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (Antonio Blanco e Ricardo Llovo, 1993) ao experimento coa montaxe sobre unha invasión marciana de Cousas de Kulechov (Susana Rey, 2007).    

Non obstante, Castro si comparte a impresión crítica de que o cinema galego atravesa un importante momento. "Triunfa en festivais, aquí e fóra", expón, "e, ademais, nunha especie de efecto contaxio, perdeu o medo a facer filmes en lingua galega". Por que? Non se complica: "Porque, se cadra, xa ía sendo hora".

Comentarios