O vindeiro 23 de agosto, no marco das IX Xornadas Fundación Manolo Paz, en Cambados, David Barro, actual director do Museo de Arte Contemporánea de Palma de Mallorca, recibirá o premio anual que outorga a fundación.
O acto comezará ás doce da mañá cunha charla impartida polo propio David Barro baixo o título Dentro do Fórum do Museo, que será presentada polo artista anfitrión Manolo Paz e Mónica Maneiro, da Revista DARDO Magazine.
Ás doce e media, Adrián Baúlde inaugurará a mostra Mariscadoras, unha exposición de fotografía que xa visitou outros espazos como a Cidade da Cultura, en Compostela. Mariscadoras é un dos seus primeiros proxectos, que comezou de xeito analóxico e posteriormente pasou a dixitalizarse en branco e negro. Manolo Paz conta que coñeceu ao artista a través do seu traballo máis recente, Atlánticas, e decidiu darlle unha oportunidade a este artista novo.
A seguir, Faia Díaz e Benxamín Otero darán un concerto que levará á presentación final das Xornadas con Manolo Paz, na que se entregará o premio a David Barro.